Esixen cláusulas que garantan os dereitos laborais nos concursos de ambulancias
• A proposta da CIG crearase por primeira vez unha comisión con sindicatos, patronal e Xunta para abordar a elaboración dos pregos de condicións
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O persoal do sector de ambulancias demanda a inclusión de cláusulas sociais nos pregos de condicións dos concursos públicos que garantan os dereitos laborais. A proposta da FGAMT-CIG nos primeiros meses de 2025 celebrarase unha comisión cos sindicatos asinantes do convenio, a patronal e a Xunta para abordar a elaboración dos futuros pregos de condicións e vixiar o cumprimento dos contratos en vigor.
Dende a central sindical salientan que se trata da primeira vez que se conforma unha comisión deste tipo e explican que puxeron a proposta enriba da mesa tras o conflito vivido en Ambulancias do Atlántico, concesionaria do servizo de transporte programado da área sanitaria de Vigo e do urxente en Vigo, Cangas e Moaña. Xa que a empresa solicitou a entrada en concurso de acredores para proceder á súa liquidación, pero aínda mantén débedas co cadro de persoal.
“Grazas ás mobilizacións logramos que se nos abonase parte dos cartos pendentes, pero outra parte vai ser moi difícil de cuantificar porque a compañía abandonou o servizo sen entregar toda a documentación das nóminas nin o rexistro da xornada”, lamentan dende a representación da central no servizo de transporte sanitario.
A administración concursal que se fixo cargo da empresa xa adiantou que non vai facer ningún tipo de recoñecemento de débeda que non vaia por vía xudicial, “polo que será moi complicado cobrar pola dificultade para cuantificala e pola imposibilidade para reclamar as dietas e os pluses por esta vía”. Con todo, o tema está en mans da asesoría xurídica da CIG “porque temos tres meses para presentar as reclamacións”.
Tras esta problemática a central sindical optou por achegar unha proposta para constituír a comisión de seguimento dos contratos na que que se abordase tamén a inclusión de cláusulas sociais para “blindar” os dereitos das persoas traballadoras. “Se o modelo escollido pola Administración para a prestación dos servizos é mediante concesión a empresa privadas, o lóxico é que nos concursos se introduzan mecanismos para garantir os dereitos laborais e para permitir a retirada urxente da concesión en caso de incumprimentos por parte das compañías”.
De xeito que durante os primeiros meses do ano que vén terá lugar a constitución deste organismo con representación dos catro sindicatos asinantes do convenio, da patronal e da Administración sanitaria para velar polo estrito cumprimento dos distintos contratos en vigor e para abordar a introdución destas cláusulas sociais nos pregos de condicións dos concursos públicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario