16 de dec. de 2024

TUI

Bruno Ferreira Martínez do CEIP de Caldelas, gañador do concurso da postal de Nadal do Concello de Tui


Obras prermiadas no concurso de debuxo escolar convocado polo Concello de Tui para a elección da postal de Nadal deste Concello para este ano 2024
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O alumno de 6º curso de Primaria do CEIP Plurilingüe de Caldelas, Bruno Ferreira Martínez, é o gañador do concurso de debuxo escolar convocado polo Concello de Tui para a elección da postal de Nadal deste Concello para este ano 2024. O xurado recoñeceu na obra deste rapaz, de 11 anos de idade, unha boa capacidade técnica na representación da imaxe máis significativa da nosa cidade como é a catedral de Santa María.  

 O segundo premio do concurso correspondeu a Enzo Alonso Bouzada, de 3º curso de Educación Primaria do CEIP de Pazos de Reis; e o terceiro premio foi para Adrián de Sousa Martín, de 5º curso de Primaria tamén do CEIP de Pazos de Reis. 

 Os premios consisten nun lote de material de debuxo e material educativo para cada un dos galardoados, xunto á impresión da postal gañadora como felicitación de Nadal do Concello tudense. 

 Neste certame participou o alumnado de catro centros educativos do municipio. En concreto o CEIP de Pazos de Reis, o CEIP de Randufe, o CEIP de Caldelas e Colexio Santa María – Maristas, presentaron, cada un, unha escolma de doce postais para a valoración do xurado.  

 A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, manifesta que “é unha satisfacción a continuidade deste concurso de debuxo escolar que permite promover a capacidade creativa dos nenos e nenas tudenses con motivo das festas de Nadal. As súas obras son, dende hai catro anos, a imaxe representativa da felicitación de Nadal de Tui”. Engade Sonsoles Vicente que esta é unha iniciativa máis desenvolvida polo Concello de Tui dentro do traballo que realiza para lograr o recoñecemento como “Cidade Amiga da Infancia”.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario