A campaña Nadal + Nadal do Concello de Tomiño, para a promoción do comercio local, reparte en premios 4.500 euros
• A entrega dos galardóns e sorteo dos tíckets de compra tivo lugar este mediodía no Salón de Plenos
A entrega dos galardóns estivo a cargo da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e da concelleira Cristina Souto, coa colaboración de ADETO
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Un ano máis, a campaña de promoción do comercio local “Nadal + Nadal”, deu os seus froitos. Así pono de manifesto o número de comercios (27) que se anotaron para competir co mellor escaparate e mellor local decorado. Este mediodía tivo lugar no Salón de Plenos do Concello a entrega dos catro premios establecidos e a continuación, o sorteo dos tíckets de compra dos clientes e clientas que este Nadal apostaron por comprar nos comercios da vila.
O xurado, tras visitar os comercios participantes, reuniuse onte ás 13.00 horas para valorar a decoración dos distintos establecementos, cos criterios de creatividade, impacto, iluminación, harmonía e integración de elementos naturais ou reciclados. Con respecto á composición do xurado, en representación do Concello, estivo a concelleira de Parroquias e Educación, Cristina Martínez Souto. Por parte da Asociación de Comerciantes de Tomiño (ADETO), estiveron Cintia Gabriela Díaz Cutuli, presidenta, e Beatriz Barceló Rodríguez, tesoureira. Por último, integraron o xurado as artistas locais Pilar Piñeiro e Liliya Pobornikova.
Deste xeito, os comercios que resultaron gañadores foron, na categoría de Mellor Escaparate: J. Carrera Decoración S.L. (1º premio. 500 euros) e Mercería Chantilly (2º premio. 250 euros), e na de Mellor Local: Ro&Ro (1º premio. 500 euros) e Novidades S.L. (2º premio. 250 euros).
Pola súa banda, o sorteo dos tíckets de compra tivo lugar a continuación da entrega dos premios, coa axuda das mans inocentes de Carmen e Julia, que foron sacando os 33 tíckets premiados das urnas de cada comercio participante na campaña, ata completar os 3.000 euros dispoñibles para este concepto.
A entrega dos galardóns estivo a cargo da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e da concelleira Cristina Souto, coa colaboración de ADETO. Antes de dar a coñecer os premiados, explicaron que o xurado tivo moi complicado para escoller só catro comercios distinguidos, xa que todos os participantes fixeron un moi bo traballo de decoración de Nadal. Por último, agradeceron a todos e todas as casas comerciais que participaron na campaña.
“O Concello continúa tentando, como vén facendo nos últimos anos, dinamizar a actividade comercial local cunha iniciativa que busca non só premiar aos veciños e veciñas que apostan por facer as súas compras na localidade, senón tamén a todos os donos ou donas de casas comerciais que decoran e embelecen os seus establecementos e escaparates cheos de luces, cores e adornos típicos do Nadal”, explicou a alcaldesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario