A alcaldesa de Tomiño agradece á conselleira de Medio Ambiente as obras realizadas na depuradora de Tomiño
• A estación instalada no verán, permitirá dosificar o paso das augas residuais á depuradora, cun aforro económico importante e menor contaminación
• A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe a EDAR de Tomiño tras as melloras incorporadas para o pretratamento dos residuos de fosas sépticas
Infogauda / Tomiño
A alcaldesa Sandra González, aproveitou a visita realizada hoxe pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, ás instalacións da depuradora de Tomiño, para agradecer as obras de mellora levadas a cabo hai uns meses na EDAR. Estas obras permitirán ao Concello non ter que transportar o contido das fosas sépticas ata a depuradora do Louro, como viña facéndose até o de agora, cun importante aforro no transporte e menor contaminación ambiental.
A alcaldesa de Tomiño estivo acompañada esta mañá por varios membros da corporación municipal, entre eles, a concelleira de Medio Ambiente e Axenda 2030, Ana Belén Casaleiro e o do Ciclo da Auga e Eficiencia Enerxética, Lois Vázquez.
A rexedora explicou que o Concello de Tomiño, que dispón dun servizo de baleirado de fosas sépticas subvencionado en parte polo propio consistorio, viña solicitando estas melloras para poder deixar de transportar o contido das fosas sépticas a outros concellos, obtendo a partir de agora, unha maior eficiencia, tanto económica, como ecoloxicamente.
Por outra banda, González amosou a súa satisfacción pola nova orde de axudas para instalar sistemas de saneamento autónomo en pequenos núcleos de poboación ou en vivendas illadas. “Alegrámonos moito de que a Administración Autonómica veña a anunciar esta nova liña de depuración colectiva ou individual, xa que o saneamento tradicional non é a única alternativa no rural para o tema do tratamento das augas residuais; idea na que tamén nos vimos traballando dende hai tempo”.
Neste sentido, a alcaldesa asegurou, ademais, que “dende o Concello fomentaremos esta liña de subvencións, informando á veciñanza que existen estas axudas, tan necesarias nun municipio como Tomiño, cunha gran dispersión xeográfica”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario