30 de dec. de 2024

O ROSAL

Os Reis Magos visitarán os barrios do Rosal   

•   O vindeiro 5 de xaneiro pola mañá realizarán catro rutas distintas para que todos os nenos e nenas poidan coñecelos   

•   Pola tarde a festa continuará na Praza do Calvario co espectáculo ‘Máis Sabor’, recepción aos Reis, pintacaras e chocolatada  

 


Infogauda / O Rosal  

 Os Reis Magos volverán percorrer todos os barrios do Rosal un ano máis.  O vindeiro domingo 5 de xaneiro a partir das 11.00 horas unha comitiva dos Reis comezará unha visita con case 50 paradas en distintos puntos e parroquias do municipio.

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que o Concello “volveu convidar aos Reis Magos a facer estes percorridos por barrios e parroquias que permite levar ilusión e ledicia a todos os nenos e nenas rosaleiros”. A rexedora salientou a importancia de manter esta tradición para que “cada familia poida vivir este momento preto das súas casas, fomentando a proximidade e a vida nos barrios”.  

 Para axilizar o percorrido o Concello organizou un total de catro itinerarios que pasarán por diferentes puntos. Así, a primeira ruta transcorrerá por Marzán, A Cachada, A Fecha, Pancenteo, Cumieiras, Telleira, Lagos, A Mata e Sandián, mentres que a segunda ruta será por Valdemiñotos, Tamuxe, Morán, San Miguel, Tabagón e As Eiras. A terceira ruta percorrerá Viso dos Eidos, Martín, O Picón, Fornelos, Caselas, A Lomba, Couselo e Pías e a cuarta terá paradas en Novás, A Rotea, Parada, Miranxe, Sanxián, Portecelo, Urgal e O Calvario.  

 En caso de choiva, a comitiva dos Reis modificará a súa traxectoria para poder realizar as paradas en espazos cubertos. 

 Xa pola tarde, a maxia e a ilusión continuará na Praza do Calvario. A partir das 17.00 horas o público poderá desfrutar de ‘Máis Sabor!’, un espectáculo cómico para público familiar no que música en directo, maxia, humor e moito ritmo mesturaranse para unha tarde única. Ao remate da actuación celebrarase a recepción oficial aos Reis Magos, que saudarán ao público asistente e recibirán peticións de última hora. Ademais haberá pintacaras e chocolatada para todas as persoas que o desexen. En caso de choiva, toda a actividade trasladarase ao pavillón municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario