Alejandro Lorenzo perde 1 M€ en axudas contra a violencia machista
A Xunta de Galicia ingresou en outubro a cantidade correspondente ao 80% de preto de un millón de euros destinados á un centro de acollida para vítimas de violencia de xénero con adicións
Infogauda / O Porriño
O PSOE de O Porriño denuncia “a incapacidade total do goberno de Alejandro Lorenzo ao perder unha subvención de 999.736,60 € concedida pola Consellería de Política social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro do “Plan España te protege contra la violencia machista” -no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU- destinada a financiar o primeiro centro de acollida para vítimas de violencia machista con problemas de adición; devolta por culpa dunha xestión caótica e improvisada.
O goberno local tentou comprar un inmoble sen cumprir o requisito básico de titularidade, un erro gravísimo que provocou a anulación do contrato polo propio alcalde. Este feito non só reflicte unha preocupante falla de planificación, senón tamén unha absoluta irresponsabilidade coa xestión pública”.
Ademais, “o alcalde e o seu equipo enganan á veciñanza, xa que en setembro anunciaron este proxecto como unha realidade, vendendo un éxito inexistente e empregando unha causa tan sensible, para a súa propia propaganda”. “Este é o goberno máis caro da historia de O Porriño, pero tamén o máis inútil. Non traballan, non planifican e os veciños estamos pagando as súas neglixencias”, destaca o portavoz socialista, David Alonso.
A concelleira socialista, Sthela Mª Táboas, lamenta que “unha vez que a Xunta xa achegase en outubro a cantidade de 799.789,28 €, correspondente ao 80% da subvención para o centro de acollida, o Concello tivese que proceder á súa devolución por unha mala xestión, xa que a parte vendedora non dispoñía do 100% da titularidade do inmoble obxecto da licitación. Nun goberno con 16 concelleiros e tres cargos de confianza é totalmente irresponsable que se cometan erros desta magnitude.
Dende o PSdeG-PSOE do Porriño esiximos responsabilidades políticas inmediatas. A perda desta subvención é unha vergoña que deixa desamparadas ás mulleres máis vulnerables, poñendo de manifesto que este goberno está absolutamente superado pola ineptitude”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario