15 de nov. de 2024

TURISMO

Luis López adianta que a Deputación de Pontevedra terá dous novos talleres de turismo no 2025 para seguir avanzando na promoción do destino Rías Baixas 

A institución provincial vai destinar máis de 100.000 euros ao servizo de asistencia técnica que permitirá continuar cos actos de promoción da provincia no territorio español


Participantes na Xunta de Goberno celebrada este venres na Deputación de Pontevedra
Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde aos talleres de turismo do vindeiro ano 2025, aos que dedica algo máis de 100.000 euros para o servizo de asistencia técnica. Continúa así desenvolvendo os eventos de promoción do destino Rías Baixas que, como explicou o presidente provincial, Luis López, “teñen sempre un enorme éxito”, lembrando que máis de 150 operadores acudiron ás citas de Málaga e Madrid deste ano, onde se mantiveron ademais un total de 1.700 reunións.  

 Con estes talleres, tal e como asegurou López, a institución pretende continuar promovendo “a nosa provincia, a nosa cultura e o noso territorio fóra das nosas fronteiras  e compartir con todo o mundo as experiencias 100% Rías Baixas”. Estes encontros, que a Deputación desenvolve en colaboración co sector turístico privado, teñen como obxectivo dar a coñecer a oferta turística da provincia de Pontevedra a través de reunións de empresas da provincia con empresas das localidades nas que se celebran e da presentación do destino.  

 Neste 2024 participaron no taller de Turismo Rías Baixas en Málaga e Madrid 29 empresas da provincia, integradas, ademais de polo Museo de Pontevedra e os Castelos de Sobroso e Soutomaior, por aloxamentos, entidades relacionadas coa enoloxía e gastronomía, institucións culturais, empresas de turismo náutico, axencias de viaxes ou, entre outras, experiencias turísticas. Todas elas remarcaron a importancia de iniciativas como esta promovida pola Deputación, para fomentar as redes, afianzar lazos de traballo e marcar liñas conxuntas para a promoción do destino Rías Baixas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario