O Concello continúa coa aposta pola mellora da eficiencia enerxética
• O pavillón polideportivo de Goián, un dos máis utilizados do municipio, aforrará a partir de agora máis dun 60% de enerxía eléctrica
Infogauda / Tomiño
As concellerías do Ciclo da Auga e Eficiencia Enerxética e a de Benestar Social e Deportes, dirixidas por Lois Vázquez e Rubén García Filgueiras, respectivamente, veñen de finalizar as obras de eficiencia enerxética levadas a cabo no Pavillón Polideportivo de Goián, con cargo a unha subvención de máis de 12.300 euros procedente do Fondo de Cooperación Local destinada a intervencións de eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal e con poboación inferior aos 15.000 habitantes.
A obra consistiu na substitución de todas as luminarias do pavillón goianés, que ata o de agora eran de vapor de mercurio e dunha potencia de 400 W. As novas luminarias, que pasaron dun total de 30 a 36, incorporan a tecnoloxía LED, conseguindo deste modo unha mellora da eficiencia enerxética de máis dun 60 %, con respecto o gasto anterior.
“Con esta intervención logramos renovar o sistema de iluminación dunha instalación utilizada por numerosos colectivos e equipos deportivos durante todo o ano, co que o aforro que teremos a partir de agora será moi importante, ademais de tratarse dunha tecnoloxía moito máis eficiente e sostible”, explicou o concelleiro de Eficiencia Enerxética.
Este proxecto, que representa un paso máis na procura da consecución dos Obxectivos De Desenvolvemento Sostible (ODS) e do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía (PACE), súmase a outras actuacións xa feitas e que se farán nun futuro para seguir na liña da mellora e da sostibilidade. “Esta luminarias proporcionarán unha mellora na visibilidade na comodidade e no desfrute dos usuarios e usuarias do pavillón de Goián, continuando coa folla de ruta seguida por este goberno para a posta a punto de todos os equipamentos deportivos do concello”, comentaba o concelleiro de Deportes. “Paso a paso, seguimos traballando para que todos os veciños e veciñas poidan desfrutar das infraestruturas de Tomiño nas súas mellores condicións”, sinalou García.
Ningún comentario:
Publicar un comentario