O Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, no XII Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-UNICEF
▪Durante o acto os menores entregáronlle ás autoridades unhas lentes azuis para que, no desenvolvemento das súas responsabilidades, poidan ter moi presente a mirada da infancia.
Infogauda / Tomiño
Mozas e mozos do noso Consello da Infancia e Adolescencia, acompañados pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitaron o martes 12 de novembro, o Parlamento de Galicia onde se celebrou o XII Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-UNICEF, unha actividade enmarcada no Pacto Gallego por la Infancia.
O Pleno infantil contou coa participación de nenos, nenas e adolescentes representantes dos grupos e consellos locais de Laracha, Viveiro, Burela, Teo, Moaña, Tui, O Rosal, Nigrán, Ponteareas, Moeche e Tomiño. Durante o acto nenos e nenas entregáronlle ás autoridades unhas lentes azuis (o azul è a cor da esperanza de UNICEF) para que, no desenvolvemento das súas responsabilidades, poidan ter moi presente a mirada da infancia. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices, destacou a necesidade de fortalecer os programas de saúde, así como as campañas de concienciación a favor da saúde mental de nenos e nenas.
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo autonómico, referíuse a Barómetro de Opinión da Infancia e Adolescencia 2023-2024 elaborado por UNICEF no que se reflicte que catro de cada dez adolescentes manifesta ter un problema de saúde mental nos últimos doce meses e máis da metade non pediu axuda.
Santalices lembroulles aos nenos e nenas participantes a importancia de buscar axuda no ámbito familiar e no das amizades e, sobre todo, axuda especializada. Nese sentido, o presidente do Parlamento subliñou a importancia de potenciar a escoita activa e a participación de nenos e nenas e dos adolescentes, en clave de saúde mental, en todos os espazos de decisión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario