15 de nov. de 2024

TOMIÑO

A marcha nórdica pecha con éxito a Axenda Impacto Saudable organizada polo Concello para fomentar hábitos sans 

Tanto a primeira como a segunda cita, rexistraron un cheo total; agardándose o mesmo resultado para a última convocatoria que terá lugar esta fin de semana 


Grupo de persoas de Tomiño practicando a camiñada ou marcha nórdica, un deporte de resistencia e unha forma de exercizo ao aire libre
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Éxito de participación na derradeira actividade organizada polo Concello de Tomiño dentro da Axenda Impacto Saudable : a marcha nórdica. Esta disciplina deportiva incluíuse por primeira vez nas actividades de balde ofertadas polo Concello ao longo do ano, dada a popularidade cada vez maior que está a ter no noso país.  

 Seis sesións deseñadas para achegar esta modalidade deportiva á veciñanza sen importar a idade ou a forma física, con 20 prazas que se completaron rápidamente con persoas de Tomiño e arredores interesadas. Tanto a primeira como a segunda cita, celebradas nos días 26 e 27 de outubro, e 9 e 10 de novembro, rexistraron un cheo total, agardándose o mesmo resultado para a última convocatoria que terá lugar esta fin de semana, dende as pistas do Mosteiro.  

 A camiñada ou marcha nórdica é un deporte de resistencia e unha forma de exercizo ao aire libre que consiste en camiñar coa axuda e impulso de bastóns similares aos utilizados no esquí e que contribúe a mellorar a saúde cardiovascular e  respiratoria, con múltiples beneficios para o o fortalecemento dos músculos e redución do impacto nas articulacións. Co obxectivo de impulsar á veciñanza a que se achegue a hábitos saudables dun xeito lúdico e inclusivo, a Concellaría de Deportes deseñou para este ano unha axenda ofertando diferentes actividades, entre as que ademáis da marcha nórdica, atopáronse as andainas saudables (con saída todos os xoves dende o Centro de Saúde) e o Camiño a Santiago por tramos, sen esquecer os programas Reactívate e Coñecendo as Emocións.  

 En caso de choiva, a actividade trasladarase ao pavillón de Goián, garantindo así a continuidade da mesma. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario