20 de nov. de 2024

ECONOMÍA

Un 90% do persoal de ZF Lifetec secunda a folga contra o despido de tres compañeiros 

  Arredor de 300 persoas participaron na manifestación convocada pola maioría do comité da compañía de automoción con sede en Vigo


Coincidindo co paro arredor de 300 persoas percorreron en manifestación o polígono vigués do Caramuxo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 A maioría do comité de empresa de ZF Lifetec España (antiga Dalphimetal) cualificou de “éxito rotundo” a xornada de folga convocada hoxe para rexeitar o despido de tres traballadores. Coincidindo co paro arredor de 300 persoas percorreron en manifestación o polígono vigués do Caramuxo, facendo paradas nos dous centros de traballo da empresa do sector da automoción para reclamar a readmisión dos despedidos. 

 A convocatoria -da que unicamente se desmarcou CCOO- foi lanzada pola maioría da representación sindical tras o despido obxectivo de tres traballadores con varias décadas de antigüidade na empresa (25, 26 e 38 anos). Dende o comité rexeitan que as rescisións de contrato estean xustificadas, tal e como sostén a dirección, e lembran que dous dos afectados estiveron de baixa recentemente por doenzas derivadas de riscos psicosociais. 

 Por iso consideran que as causas económicas, organizativas e da produción esgrimidas por Dalphimetal para xustificar a decisión “son unha escusa para aforrar custes desfacéndose do persoal con máis antigüidade”.  

 Durante a xornada o persoal desenvolveu concentracións diante das instalacións da compañía ao inicio da quenda de noite (22:00) e da de mañá (5:00). Posteriormente unhas 300 persoas participaron na manifestación que percorreu o polígono industrial a partir das 12:30 horas e que foi facendo paradas ás portas dos dous centros de traballo da empresa ao berro de “Despedidos readmisión” e “Non ao despidos en Dalphimetal”. 

 Ao remate da marcha tomaron a palabra os representantes das tres organizacións sindicais convocantes, a CIG, UGT e CUT. Por parte da CIG falou o presidente do comité de empresa, Eduardo Ruanova, que lamentou a decisión da empresa e cualificou a xornada de “histórica” xa que “é a primeira vez que se lle dá unha resposta tan contundente á dirección”.  

 Ruanova agradeceu tamén a solidariedade amosada polo cadro de persoal e por outros/as delegados/as do sector da automoción que participaron na protesta. Finalmente, censurou a actitude dos representantes de CCOO por non ter convocada a folga nin as mobilizacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario