Alda Hotels abre o seu segundo hotel na cidade de Pontevedra
▪ Trátase da 22ª apertura da cadea no que vai de ano, co que alcanza xa os 12 establecementos na provincia
Raquel Silva / Pontevedra
O grupo galego Alda Hotels acaba de inaugurar o hotel Alda Centro Pontevedra, un aloxamento dunha estrela e 26 habitacións que reforza a posición da compañía como unha das cadeas con maior crecemento en España. Situado no centro urbano da cidade, Alda Centro Pontevedra (Rúa Augusto González Besada, 5), anteriormente coñecido como hotel Comercio, é o segundo establecemento da firma en Pontevedra tras a apertura en 2017 de Alda Estación Pontevedra, e convértese ademais no duodécimo aloxamento da cadea na provincia.
O novo hotel que se une ao portfolio da compañía destaca pola súa localización estratéxica, a dous minutos camiñando do Concello e da zona vella, e a menos de 300 metros dos principais monumentos, e polo seu fácil acceso aos principais atractivos turísticos da zona, tanto ás praias como a outras localidades como Vigo, Sanxenxo ou Santiago de Compostela.
O 2024 foi un ano crave para Alda Hotels, coa apertura de 23 novos establecementos en diferentes comunidades, 14 delas producíronse en Galicia, o que lle permite seguir consolidando o seu liderado na rexión. A cadea sumou tamén 4 aloxamentos en Castela-A Mancha, ampliando a súa presenza no centro de España, 2 en Castela e León, e un en cada unha das comunidades de Cantabria, Aragón e Navarra. Con estas incorporacións, Alda Hotels alcanza unha rede de 95 aloxamentos, dos cales 87 xa están en funcionamento.
2025: un enfoque na mellora tecnolóxica
Tras un período de crecemento acelerado, Alda Hotels pon o foco na mellora continua como eixo da súa estratexia para 2025. A compañía apostará pola implementación de solucións tecnolóxicas avanzadas que permitan automatizar tarefas repetitivas e mellorar a eficiencia operativa nos seus aloxamentos, á vez que optimiza a experiencia dos clientes.
Alda Hotels é unha cadea galega que se consolidou como unha das marcas de referencia no sector hostaleiro en España. Cunha oferta variada e aloxamentos estratexicamente situados, a compañía combina calidade, accesibilidade e compromiso co desenvolvemento local en cada unha das súas aperturas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario