Visita ao CPI Cova Terreña de Baiona
Abel Losada eloxia “o traballazo” da Garda Civil na prevención do delito na estrea da VI Ciberliga Nacional de retos no ciberespazo
▪ O subdelegado subliña a importancia da formación porque “coa ciberseguridade gañamos todos, alumnado, pais e nais e o conxunto da sociedade”
▪ A Ciberliga promove o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías
▪ Son 13 os centros educativos da provincia participantes nesta iniciativa
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, participou esta mañá no CPI Cova Terreña, de Baiona, na presentación da VI Ciberliga Nacional de retos no ciberespazo
Foto: S. de G.
Infogauda / Baiona
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, participou esta mañá no CPI Cova Terreña de Baiona, na presentación da VI Ciberliga Nacional de retos no ciberespazo que organiza a Garda Civil e que contou coa participación do alumnado de 4º da ESO, destinatarios da modalidade pre-amateur creada o ano pasado. No acto estivo acompañado polo tenente coronel da Benemérita, Óscar Grañas, e polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña. Tamén participaron na presentación da iniciativa a directora do centro, Isabel Martínez, e o comandante da Garda Civil responsable da Ciberliga en Pontevedra, Álvaro Fernández.
Son 13 os centros educativos da provincia participantes nesta iniciativa e poderán inscribir aos seus equipos, ata o 22 de novembro, a través da web www.ligagc.com. Os equipos estarán compostos preferiblemente por 4 estudantes, que disputarán a fase clasificatoria en Galicia entre o 25 o 29 de novembro nos propios centros educativos. Os institutos clasificados disputarán a final no Centro Universitario da Garda Civil de Aranjuez no mes de marzo de 2025.
O subdelegado aplaudiu “o traballazo que realizan as mulleres e homes da Garda Civil en tódolos centros educativos da provincia, onde forman tódolos anos a centos e centos de alumnos sobre os riscos deste novo mundo dixital, que trae moitas vantaxes para a nosa sociedade, pero tamén moitos riscos, como demostra o continuo crecemento da ciberdelincuencia, que a día de hoxe supón o 25% de todos os delitos que se cometen na nosa provincia”.
Losada destacou que a Ciberliga é un formato divertido que complementa tamén as actuacións formativas que se realizan a través do Plan Director en todo tipo de ámbitos, tamén no dos delitos que se cometen a través da Internet. Subliñou que “coa ciberseguridade todos gañamos, alumnado, pais e nais e sociedade en xeral” e finalizou desexándolle “moita sorte e moita aprendizaxe” a todo o alumnado do CPI Cova Terreña nesta nova experiencia na que “terán que enfrontarse e tratar de resolver, unha serie de ciber-retos que simulan situacións reais que poden atoparse cando navegan por internet”. Para conseguilo deberán empregar todas as súas habilidades, traballando en equipo e poñendo en práctica as ensinanzas recibidas, especialmente na acción formativa que se desenvolve de maneira previa á competición.
A Ciberliga
A Ciberliga foi creada no ano 2019 co obxectivo de contribuír ao fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade mediante a formación da cidadanía nesta materia. Este programa experimentou unha evolución paulatina chegando ao momento actual no que se estrutura en tres modalidades: Amateur dirixida ao estudantado universitario e de Formación Profesional; Profesional dirixida a axencias policiais e do ámbito da defensa así como empresas do sector privado e, finalmente, a modalidade Pre-Amateur, estreada o anos pasado e que é a que hoxe se presentou, para alumnos de 4º curso da ESO.
No caso da provincia de Pontevedra, amais do Cova Terreña de Baiona, os centros participantes son: o IES de Mos; o CPR Las Acacias, de Vigo; o Centro Plurilingüe A Paralaia, de Moaña; o Centro Plurilingüe Ángel de la Guarda, de Nigrán; o CPI de Progreso (Catoira); o IES A Guía (Vigo), o IES Castelo (Vigo); o Centro Plurilingüe Losada, de Vigo; o Centro Plurilingüe María Inmaculada, de Vigo; o IES de Meaño; o Centro Plurilingüe San Narciso, de Marín; e o Sagrado Corazón, de Placeres, de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario