25 de nov. de 2024

A GUARDA

O BNG PIDE MÁIS COMPROMISOS ECONÓMICOS PARA GARANTIR A ATENCIÓN Á VIOLENCIA MACHISTA 

 O grupo municipal do BNG da Guarda vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno


 Concentración en repulsa polo feminicidio de Baiona
Foto: BNG

Infogauda / A Guarda

 Con motivo do 25N o BNG da Guarda vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno. O grupo nacionalista destaca que a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde manifestada en propostas concretas. Lembra que no que vai de 2024 producíronse catro feminicidios, e que  no último ano subiu un 12% a violencia contra as mulleres segundo os datos da Memoria da Fiscalía.  

 Manifestan as concelleiras nacionalistas a súa preocupación porque as cifras se asumen cada vez máis como parte do día a día, normalizándose no lugar de escandalizar: “A isto contribúen os discursos negacionistas e banalizadores, mais tamén aqueles que procuran situar a violencia machista como algo individual ou inevitable, cando existe unha responsabilidade colectiva, institucional e social, a de protexer os dereitos humanos e a vida das mulleres. É preciso, polo tanto, avaliar que podemos facer para evitar o avance da violencia machista e dos feminicidios, non só valen minutos de silencio e lazos lila na solapa”. 

 Galiza conta cunha lei propia pioneira, sen embargo dende o BNG considérase que hai aspectos que non se cumpren. Por iso, pretenden que o Pleno da Corporación inste á Xunta de Galiza a prestar máis atención á saúde mental das vítimas na sanidade pública como un servizo de atención primaria en coordinación coa atención especializada. 

 Por outra parte, solicitan ao goberno galego o impulso dun  novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución aos Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM (Centros de Información á Muller), establecendo a fixación de rateos mínimas de persoal, e favorecendo a contratación a xornadas completas.  

 Finalmente, o BNG pide á Xunta que rectifique a súa decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e garantir a prestación deste servizo desde o sistema público de saúde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario