2 de out. de 2024

TUI

PP DE TUI IMPULSA A IMPLANTACIÓN DO PLAN MUNICIPAL DE EMERXENCIAS EN COLABORACIÓN COAS COMUNIDADES DE MONTES 

• Os populares lograron que o pleno municipal aprobase por unanimidade a súa proposta de crear un grupo de traballo formado por comuneiros, partidos políticos, técnicos de Medio Ambiente e Protección Civil. 

 O obxectivo é analizar as problemáticas e a situación das zonas forestais de Tui, adaptando as accións de resposta para protexer o territorio e a poboación ante futuros incendios. 


Grupo municipal do PP de Tui
Foto: Cedida

Infogauda / Tui

  O grupo municipal do PP de Tui vén de impulsar a actualización do Plan Municipal de Emerxencias, en colaboración coas comunidades de montes. Esta medida responde ás situacións vividas recentemente en Portugal, que demostraron o gran impacto que os incendios forestais poden ter no medio ambiente e na poboación. Pero tamén sen olvidarnos nunca dos incidentes acontecidos no concello de Tui, como a explosión en Paramos e os incendios en vehículos e vivendas no centro urbano. 

 Os populares, a través da súa proposta aprobada por unanimidade, buscan que o Concello dispoña das mellores ferramentas, estratexias e accións para protexer o territorio, especialmente as zonas forestais de alto valor ambiental, así como a poboación en xeral. A moción do PP local contempla a creación e convocatoria dunha mesa de traballo que estaría conformada polas comunidades de montes, representantes dos catro grupos políticos, técnicos municipais de Medio Ambiente e membros de Protección Civil. 

 O obxectivo do grupo, segundo a proposta aprobada, é analizar as problemáticas e a situación actual das zonas forestais de Tui para definir accións que melloren a resposta ante calquera situación de emerxencia, especialmente incendios forestais. 

 Posteriormente, conforme aos acordos alcanzados, actualizarase o Plan Municipal de Emerxencias segundo as necesidades detectadas. Tamén se implementará eficazmente, xa que a pesar de que xa se pagou a factura pola súa elaboración, o plan nunca foi comunicado á administración para a súa validación nin presentado ao pleno municipal, e tampouco se chegou a poñer en funcionamento. 

 O voceiro municipal, Nico Montes, afirmou que “é necesario actualizar o plan de emerxencias de Tui para adaptalo ás circunstancias actuais, dada a crecente preocupación polos lumes forestais. As medidas que se adopten tamén servirán para outras incidencias, co obxectivo de fortalecer a protección do territorio, da poboación e preservar o medio ambiente e os valores naturais de Tui”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario