3 de out. de 2024

TOMIÑO

Tomiño abre as portas á maxia do teatro con ‘O auto do Castromil’  

 Producións Teatrais Excéntricas achega con este galardoado espectáculo, o ciclo de teatro para adultos deste outono. Será o sábado 5 ás 21.00 horas no auditorio municipal  




Infogauda / Tomiño

 Tomiño abre as portas á maxia do teatro este outono esta fin de semana. Producións Teatrais Excéntricas chega este sábado 5 de outubro ao auditorio municipal de Goián co seu espectáculo ‘O auto do Castromil’, unha obra gañadora do III Certame de Proxectos Teatrais Manuel María que dará o pistoletazo de saída a un novo ciclo de teatro para persoas adultas.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou o orgullo de comezar este novo ciclo cunha obra “tan especial e con tanto significado para nosa historia e cultura”, ao tempo que destacou a importancia de traer a Tomiño producións teatrais de gran calidade. “Este tipo de espectáculos non só entreteñen, senón que nos fan reflexionar sobre o noso pasado e presente, sempre cun toque de humor imprescindible para a nosa identidade”, destacou.  

 ‘O auto do Castromil’ é un espectáculo único que levará ao público nunha viaxe onírica a bordo dun coche de liña onde as maletas cobran vida e as historias esquecidas de Galicia se revelan con humor e ironía. Mesturando pezas de obras de Manuel María como ‘A rebelión dos baúis’ ou ‘Abril de lume e ferro’, entre outras, a trama recrea a loita e resistencia dun pobo que nunca deixa de erguer a cabeza, mesmo nas situacións máis disparatadas. A obra será unha viaxe en transporte público pola Galicia inconsciente, onde o humor e o espírito antroidesco se converten nas principais armas contra o esquecemento.  

 As entradas para acudir ao espectáculo terán un prezo de 5 euros por persoa. As e os interesados poderán mercar as súas entradas de forma presencial no despacho de billetes do propio auditorio municipal de Goián ata unha hora antes do inicio da obra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario