23 de out. de 2024

TOMIÑO

Máis de 50 persoas reactívanse co programa de envellecemento activo do Concello de Tomiño  

 A actividade abriu xa as súas portas en Tomiño, Barrantes e Tebra, mentres que en Sobrada e Goián farao a principios de novembro. Aínda quedan prazas dispoñibles 

 

Tras o acto de presentación, as actividades botaron xa a andar en Tomiño, Barrantes e Tebra, mentres que nas parroquias de Goián e Sobrada comezarán a principios do mes de novembro á espera de formar grupo

Fotos: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 O programa Reactívate ponse en marcha. O Concello de Tomiño abriu de novo as portas deste exitoso plan de envellecemento activo e de hábitos saudables, unha nova edición que arranca con máis de 50 persoas inscritas que van dende os 62 ata os 88 anos e que por primeira vez visita as parroquias para achegar esta actividade cada vez a máis persoas maiores do municipio.  

 Tras o acto de presentación, as actividades botaron xa a andar en Tomiño, Barrantes e Tebra, mentres que nas parroquias de Goián e Sobrada comezarán a principios do mes de novembro á espera de formar grupo. Será unha hora semanal de actividade física e hora e media de cognitiva nas parroquias, espazos nos que o Reactívate aínda conta con prazas dispoñibles. As persoas interesadas en participar poden inscribirse achegándose de forma presencial ao Concello ou chamando por teléfono ao 986 622 001. 

 A alcaldesa, Sandra González, subliñou a importancia deste programa e destacou que “mellorar a calidade de vida das persoas maiores do noso municipio con actividades que favorezan a participación social e o mantemento das súas facultades físicas e psíquicas é unha prioridade para todas e todos nós”. Por este motivo, o Concello multiplicou este ano o orzamento dedicado ás persoas maiores e implementou novos programas como andainas saudables ou o proxecto ‘Coñecendo das emocións’, un programa pioneiro a nivel municipal en colaboración con Afundación para mellorar a calidade de vida de tomiñeses e tomiñesas a través da xestión das súas emocións no día a día.  

 A rexedora e o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, conversaron cos usuarios e usuarias do Reactívate, expresando o seu orgullo pol a grande acollida do programa e pola participación activa de todas e todos os maiores, que comezan esta semana as sesións con ilusión por aprender e desfrutar das actividades. Ata o vindeiro 11 de xullo, traballarán en propostas como risoterapia, ioga, obradoiros de memoria, roteiros, talleres de creación artística... todas elas enfocadas en mellorar memoria, motricidade e autonomía persoal. “É fundamental fomentar un espazo no que as persoas maiores poidan socializar, aprender e gozar de actividades que enriquezan as súas vidas”, destacou García. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario