23 de out. de 2024

TOMIÑO

Os superheroes do circo chegan a Tomiño con ‘Crunch 2’  

 O teatro familiar volve este domingo 27 ao auditorio municipal de Goián cunha nova aventura de Culturactiva. Entradas á venda unha hora antes do espectáculo  




Infogauda / Tomiño 

 Tomiño convértese esta fin de semana no escenario dunha nova aventura de circo e clown nunha nova cita co teatro para desfrutar en familia. Culturactiva chega este domingo 27 de novembro ás 17.30 horas ao auditorio municipal de Goián con ‘Crunch 2’, o regreso dos dous superheroes máis queridos do circo.  

 Óscar Páez, Dani Blanco e Natalia Outeiro prometen facer rir a toda a cativada e maiores cun espectáculo cheo de malabrares, caídas, golpes e desafíos imposibles no que os tres protagonistas terán que regresar á escola para sacar o título de superheroes, unha viaxe temporal aos seus comezos loitando contra novos inimigos, vivindo novas aventuras e superando novos desafíos.  

 A alcaldesa, Sandra González, destacou que “a programación cultural e de lecer de Tomiño segue a medrar con espectáculos que conectan con público de todas as idades” e animou a todas as familias tomiñesas a gozar desta proposta que demosta unha vez máis que “o teatro é unha ferramenta única para educar, entreter e crear recordos en familia. E no Concello de Tomiño traballamos para seguir ofrecendo este tipo de experiencias enriquecedoras”.  

 As entradas para acudir ao espectáculo terán un prezo de 3 euros por persoa adulta e de 1,5 euros para menores de 12 anos. As persoas interesadas en asistir poderán mercar as súas entradas de forma presencial no despacho de billetes do propio auditorio municipal de Goián unha hora antes do inicio da obra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario