28 de out. de 2024

PONTEVEDRA

Política Territorial   

Abel Losada informa ao Concello de Tomiño sobre o programa “A Administración Preto de Ti” 

 A iniciativa ábrese a concellos da provincia con máis de 8.000 habitantes para ensinar ás veciñas e veciños a realizar trámites administrativos electrónicos  

 O subdelegado valorou a boa predisposición da alcaldesa para incorporar Tomiño ao sistema VioGén 


No marco dunha Xunta Local de Seguridade Extraordinaria celebrada na propia Subdelegación do Goberno, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informou hoxe á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sobre o programa “A Administración Preto de Ti”

Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informou hoxe á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sobre o programa “A Administración Preto de Ti”  unha iniciativa impulsada polo Ministerio de Política Territorial e polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación dixital, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Este programa, que o ano pasado chegou a 33 concellos pontevedreses con menos de 8.000 habitantes, ábrese agora a municipios cunha poboación superior, co fin de achegar e facilitar a realización de trámites administrativos electrónicos aos seus veciños e veciñas.  

 Ademais, nesta edición búscase penetrar no territorio levando a asistencia por parte do persoal da Subdelegación do Goberno en Pontevedra a colectivos da terceira idade, asociacións xuvenís, culturais, deportivas, veciñais, etc. “Deste xeito - indicou Losada - non terán que desprazarse para realizar trámites como a obtención do certificado dixital, que permite acceder dixitalmente a numerosos servizos públicos”. En cada encontro tamén se informará sobre o acceso á carta de servizos públicos dispoñible e sobre as vantaxes, por exemplo, do Cartafol Cidadán, cuxa aplicación móbil lanzou o Goberno. “Todos estes trámites realizaranse “in situ”, sen ter que desprazarse a outros concellos”, remarcou o subdelegado, ao tempo que agradeceu a boa disposición da alcaldesa para acoller esta iniciativa en Tomiño nunha data que se determinará proximamente.  

 Abel Losada incidiu na importancia de dotar de ferramentas dixitais á cidadanía dos concellos máis pequenos  para que poidan realizar desde  os seus domicilios trámites básicos como a xestión de prestacións, permisos de conducir, certificados de vida laboral ou os pagos de taxas públicas, entre outros. O subdelegado subliñou que esta iniciativa “forma parte do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez de avanzar na cohesión territorial, combater a fenda dixital e garantir o acceso aos servizos públicos á poboación do rural”. 

Xunta de Seguridade 

 Losada trasladoulle esta información á alcaldesa no marco dunha Xunta Local de Seguridade Extraordinaria celebrada na propia Subdelegación do Goberno, coa presenza do tenente coronel, Óscar Grañas e outros mandos da Garda Civil e da Policía Local, na que se abordaron diferentes cuestións relacionadas coa seguridade cidadá no municipio.  

 No transcurso do encontro o subdelegado valorou a boa disposición do Concello para incorporarse á rede VioGén para a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero. A incorporación de Tomiño implicaría que a Policía Local pasaría a colaborar coa Garda Civil no seguimento e protección das vítimas. O corpo municipal tería a responsabilidade unicamente nos casos de risco baixo ou non apreciado que se determinen no protocolo de colaboración entre ambos corpos, unha vez asinado o convenio coa Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior. 

 Na Xunta Local deuse conta de que neste municipio hai 32 casos activos de violencia de xénero, con 1 vítima de risco non apreciado, 18 con risco baixo e 13 con risco medio. Non hai ningunha con risco alto ou extremo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario