O Rosal sementa a igualdade con ‘SexoConSentido’, unha aposta pola educación afectivo-sexual crítica
• O Concello ten en marcha un novo proxecto dirixido a alumnado, profesorado e familias para continuar revolucionando mentes
Infogauda / O Rosal
Plantar sementes para conseguir no Rosal unha sociedade máis igualitaria. Ese é o obxectivo do proxecto ‘SexoConSentido’, unha serie de actividades dirixidas a alumnado, profesorado e familias posto en marcha polo Concello ao abeiro de ‘Sementeira de Igualdade’, un programa de educación e sensibilización para plantar sementes simbólicas que xerminarán en cambios positivos para seguir revolucionando mentes entre a sociedade rosaleira.
As aulas do CPI Manuel Suárez Marquier xa están a traballar nas primeiras actividades de ‘SexoConSentido’, un programa que recolle unha serie de accións para promover a educación afectivo-sexual dende unha perspectiva de xénero baseada na igualdade e no respecto mutuo, abordando temas actuais como o impacto da pornografía ou o consentimento.
Como explica a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, “o camiño cara á igualdade comeza por unha educación non sexista nas familias, pero non vivimos illados e illadas da realidade e os centros educativos e o profesorado son axentes de socialización moi importantes na vida das e dos adolescentes. Por iso, con este programa de actividades buscamos crear unha rede de traballo con formación non só para o alumnado, senón tamén para familias e docentes”.
O proxecto, financiado pola Deputación de Pontevedra, busca tamén facilitar espazos onde tanto alumnado como familias e docentes poidan reflexionar abertamente sobre cuestións de xénero e sexualidade, desafiando os estereotipos e promovendo relacións respectuosas, dando así novos pasos para crear unha sociedade máis reflexiva e crítica.
As actividades dirixidas ao alumnado arrancaron cunha charla participativa xeral celebrada o pasado 4 de outubro para abordar con rapaces e rapazas a sexualidade como sistema apreso, os mitos sexuais e a pornografía con ferramentas tecnolóxicas como Mentimeter para buscar a implicación, participación e interese do alumnado.
O alumnado de 1º e 2º da ESO está a abordar cuestións relacionadas coas actitudes machistas presentes en moitas películas e series de anime a través de diferentes obradoiros de creación de manga, moi de moda entre a rapazada. Ademais de analizar de forma crítica os manga e presentar alternativas que promoven as relacións igualitarias, o alumnado tamén debe traballar en equipo para xerar ideas e crear personaxes que desafíen os roles de xénero e crear o seu propio manga. Entre os traballos presentados o Concello elixirá algunhas propostas para imprimilas e doar algúns exemplares aos propios centros educativos.
O alumnado de 3º e 4º da ESO traballará en diferentes obradoiros para tratar dende unha perspectiva de xénero e a través de xogo de rol, proxeccións e reflexións guiadas cuestións como a construción da autoestima, a sexualidade, a influencia do xénero no desexo sexual, o consumo de pornografía e as súas consecuencias, a violencia sexual, o consentimento ou a empatía sexual, entre outros aspectos.
O proxecto ‘SexoConSentido’ contará ademais con sesións formativas específicas para familias para desmitificar tabús arredor da sexualidade e o xénero e contribuír a previr a violencia machista promovendo relacións igualitarias e de respecto mutuo dende idades temperás. Nestas sesións, comentaranse os datos recollidos e recompilados no traballo realizado coa rapazada a través do Mentimeter, con información directa e real do alumnado rosaleiros sobre temas como o consumo de pornografía e a sexualidade.
Con estes mesmos datos, o profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier e do CRA María Zambrano participará no proxecto cunha sesión formativa onde abordar estratexias pedagóxicas para tratar temas actuais en educación afectivo-sexual, como o funcionamento de plataformas como Onlyfans e os perigos asociados ao consumo de pornografía en liña, así como o seu impacto na construción de roles de xénero e nas relacións afectivo-sexuais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario