10 de out. de 2024

O ROSAL

O Rosal acollerá unha nova visita da unidade móbil de doazón de sangue  

 Estará na rúa Ramón Franco, nº 4, o vindeiro luns 14 de outubro de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas  




Infogauda / O Rosal  

 Nova oportunidade para que a veciñanza rosaleira achegue a súa pinga de solidariedade. O Rosal recibirá o vindeiro luns 14 de outubro unha nova visita da unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará situada como vén sendo habitual na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca.  

 Durante toda esa xornada as persoas interesadas poderán acudir a doar en horario de 10.00 a 14.00 horas, ou ben de 16.00 a 21.00 horas. 

 Dende a Axencia Galega de Doazón de Sangue fan un especial chamamento a todas as persoas con sangue A positivo, xa que nestes intres atópanse baixas as reservas deste grupo. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828. 

 Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento. 

 Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario