4 de set. de 2024

TURISMO

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño segue impulsando o turismo no territorio con proxectos conxuntos  

Alcaldes e alcaldesas dos 13 concellos mantiveron un encontro para coñecer os últimos avances do PSTD ‘A Despensa de Galicia’ 

Setembro será un mes de grandes compromisos coa presentación do inventario de recursos turísticos, a estrea da nova imaxe do Xeodestino e a visita de autoridades para coñecer tres iniciativas postas en marcha 

  

Alcaldesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros dos 13 concellos implicados no Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A Despensa de Galicia’ (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui) reuníronse na Guarda  
Foto: EuRural

Infogauda / A Guarda 

 O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa o seu firme avance na implantación de proxectos turísticos conxuntos, cunha clara aposta pola posta en valor dos seus recursos naturais e patrimoniais. Alcaldesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros dos 13 concellos implicados no Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A Despensa de Galicia’ (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui) reuníronse na Guarda para facer balance das actuacións realizadas ata o momento e coñecer as accións que se levarán a cabo nas vindeiras semanas. 

 A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste EuRural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia do traballo colaborativo que se está a realizar, “creando un modelo de desenvolvemento turístico que non só promove os nosos recursos, senón que tamén aposta pola conservación e posta en valor do noso territorio a longo prazo. O traballo conxunto e a cooperación entre os concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño son claves para potenciar os nosos municipios como destino turístico”. 

 E setembro será un mes de moita actividade. O vindeiro día 16 darase un paso máis neste camiño coa presentación no Porriño do inventario de recursos turísticos do territorio realizado, unha ferramenta que permitirá contar con información para establecer as prioridades de traballo nos ámbitos relacionados cos miradoiros, as rutas de sendeirismo e o cicloturismo, que reflicte o compromiso dos concellos coa promoción dun turismo sostible.  

 Ademais, o Xeodestino está a ultimar os detalles da renovación da súa marca, un proceso que se leva desenvolvendo nos últimos meses e que culminará coa presentación da nova imaxe oficial a finais deste mes na Guarda.  

 Por outra banda, ao abeiro dunhas xornadas técnicas e formativas sobre os Plans de Sostibilidade Turística en Destino que se celebrará en Santiago de Compostela nos días previos, o vindeiro 20 de setembro o territorio acollerá unha visita para dar a coñecer a autoridades e persoal técnico algúns dos proxectos que se están a levar a cabo dentro do PSTD ‘A Despensa de Galicia’. Durante o encontro, as e os visitantes coñecerán de primeira man tres proxectos tractores do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño: a recuperación dunar da baía de Cesantes, en Redondela; a intervención para a recuperación ambiental na Foz do Miñor entre Baiona e Nigrán; e a mellora da eficiencia enerxética e da iluminación artística da catedral de Tui. Como sinalou a representante institucional do Xeodestino e alcaldesa de Oia, Cristina Correa, “queremos amosar o impacto positivo que xeran en todo o territorio os proxectos deseñados ao abeiro do noso PSTD, xa que son iniciativas que non se limitan ao reparto de recursos por concellos, senón que se enfoca en desenvolver iniciativas que beneficien a todo o territorio”.  

 O PSTD ‘A Despensa de Galicia’ forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), a estratexia formulada polo Goberno de España para acelerar a recuperación social e económica tras a pandemia da COVID-19 e que conta co apoio e o financiamento da Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.

Ningún comentario:

Publicar un comentario