Día da Xuventude
Celebrarase o domingo 8 de setembro na Alameda da vila
Infogauda / A Guarda
O vindeiro domingo 8 de setembro vaise celebrar na Alameda da vila de A Guarda o Día da Xuventude. As actividades están deseñadas para mocidade de entre 12 e 35 anos, aínda que os rapaces menores de 12 anos teñen dispoñible un espazo de construción para pasar un bo rato.
As actividades, nas que se pode participar de forma libre e gratuíta, estarán abertas de 16:00 a 21:00 horas.
No Día da Xuventude a mocidade poderá facer un xogo de escape e realidade virtual no taller de concienciación ambiental; tiro con arco, en lecer educativo; participar nun obradoiro de arte colaborativo a través do graffiti; ou asistir a unha demostración culinaria no espazo de gastronomía saudable, entre outras propostas.
As persoas que completen os xogos e dinámicas poderán levar un agasallo do Día da Xuventude. A música tamén estará presente, pois haberá unha actuación do grupo local SonGodin’s a partir das 20:30 horas.
Trátase dun evento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de A Guarda, que conta co financiamento do Plan Corresponsables que é unha nova política pública residenciada na Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, do Ministerio de Igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario