4 de set. de 2024

TUI

Conferencia sobre “El mundo judío comunicado a través del arte” 

Será este venres, 6 de setembro, ás 19.30 horas, na Sala Municipal dentro da programación do Setembro Xudeu 




Infogauda / Tui

 Este venres, 6 de setembro, ás 19.30 h na Sala Municipal de Exposicións, no Edificio “Francisco Sánchez”, terá lugar unha nova actividade do programa do “Setembro xudeu en Tui”. Nesta ocasión será unha conferencia sobre “El mundo judío comunicado a través del arte” a cargo de Israel Doncel, director de comunicación de Centro Sefarad-Isarel.   

 O alcance e a capacidade de transmisión da pintura convertérona durante varios séculos na principal ferramenta de comunicación por parte dos poderes políticos, sociais e relixiosos. O mundo xudeu sufriu na nosa península diferentes campañas que buscaban desacreditar a súa imaxe fronte ao resto da sociedade con propósitos antisemitas e antixudeus, especialmente nos tempos previos e posteriores ao edicto de expulsión dos Reis Católicos. Aínda que tamén atoparon algúns reflexos que trataban de ofrecer un apoio velado a unha cultura inseparable da historia do noso país. Como sinala Jean Caune - profesor universitario emérito, doutor posgraduado en estética e ciencias da arte, e doutor estatal en ciencias da comunicación. Tras unha carreira como actor e director, creou o centro de acción cultural da Villeneuve en Grenoble (1971-1975) e dirixiu a casa da cultura en Chambéry (1982-1988). O seu traballo refírese a prácticas artísticas e culturais. Publicou numerosos artigos sobre comunicación, teatro e mediación cultural, así como unha decena de libros - «o exame do fenómeno de comunicación que se desenvolve a partir da práctica artística, déixanos dúas preguntas: a primeira é acerca da influencia da arte na vida colectiva, e a segunda sobre a arte como forma expresiva determinada pola sociedade». 

 Na conferencia deste venres Israel Doncel porá o foco nas estratexias de comunicación, a súa plasmación e as narrativas dos séculos XIV-XVI utilizadas en torno ao mundo xudeu na pintura.  

 Israel Doncel é xornalista especializado en comunicación corporativa e ten traballado en diferentes departamentos de comunicación de institucións de ámbito internacional como Casa América e, na actualidade, no Centro Sefarad-Israel onde desempeña a dirección de comunicación.  

 O Centro Sefarad-Israel é unha institución de diplomacia pública formada polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, a Comunidad de Madrid e o Concello de Madrid cuxo propósito é servir de ponte entre España e o mundo xudeu. Desde a súa creación, no ano 2006, o Centro Sefarad-Israel ven afondando no estudo do legado da cultura sefardí como parte integrante e viva da cultura española, fomentando un maior coñecemento da cultura xudía na sociedade española, divulgando e lembrando a memoria das vítimas do Holocausto e impulsando o desenvolvemento dos vínculos de amizade e de cooperación entre a sociedade española e a sociedade israelí a través do mutuo coñecemento.  

 A concelleira de Turismo e Patrimonio Ana María Núñez Álvarez destaca que esta conferencia é unha cita ineludible para achegarse a un coñecemento más amplo da ampla pegada que as comunidades xudías teñen deixado na cultura española e recollidas nas diversas visións, positivas unhas e negativas outras, que nos ofrece a arte española a través dos séculos. Todo presentado dende unha visión didáctica para achegarse a un público amplo. 

 Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).

Ningún comentario:

Publicar un comentario