20 de set. de 2024

TUI

O Consello da Cultura Galega vai celebrar en Tui a sexta edición do ciclo de cinema Mulleres, Patrimonios, Sociedade

 Será o xoves 26, venres 27 e sábado 28 de setembro, no Teatro Municipal  




Infogauda / Tui 

 O Teatro Municipal de Tui acollerá do xoves 26 ao sábado 28 de setembro, o sexto ciclo de cinema Mulleres, Patrimonios, Sociedade, promovido pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión céntrase na memoria histórica, as revolucións e os procesos de transición conmemorando o 50 aniversario da Revolução dos Cravos en Portugal. Así o teatro tudense acollerá a proxección de recoñecidas producións galegas e portuguesas. Ademais, contará coa presenza do Coronel Mário Tomé, un dos capitáns do 25 de abril. A entrada é libre ata completar a capacidade.  

 Elas também estiveram là, de Joana Craveiro é a longametraxe coa que se abre este ciclo. Un documental poético sobre a invisibilidade das mulleres en acontecementos históricos, como a ditadura portuguesa de 1926-1974, ou o proceso revolucionario de 1974-75. Combinando historias de vida, fotografías e documentos orixinais, o filme reflexa esas vidas invisibles e culmina cunha escena filmada nunha pequena sala de cinema, que se acredita ter sido usada pelos censores durante a ditadura portuguesa. Fiel ao formato de diálogo deste certame, ao remate haberá unha conversa entre os protagonistas e o público. Nesta ocasión estará presente o Capitán do 25 de abril, coronel Mário Tomé, nun acto conducido por Encarna Otero e Alexandra Esteves.  

 As curtametraxes galegas, portuguesas e brasileiras protagonizan a segunda xornada, a do venres 27. Pola banda galega proxectaranse 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, máis Na pel da memoria, de Coral e Laura Piñeiro. 

 Pola banda portuguesa haberá dúas curtas experimentais: Luzía, de Marta Oliveira Pinto e Imersão, de Maria Inês de Sá. A participación brasileira é no traballo documental de Lucas Ribeiro e Luísa Caria titulado Pescadoras em Rede: As Mulheres de Gamboa de Baixo. Ao remate haberá un coloquio coas directoras conducido por Sara Traba e Ana Estévez.  

 O sábado proxectarase As Melusinas à margem do rio, de Melanie Pereira no que cinco mulleres de familias emigrantes nadas en Luxemburgo reflexionan sobre países, identidades, fragmentos e sereas. Mentres procura por entre montes e ríos por Melusina, serea mutante e lexendaria da cidade de Luxemburgo, a realizadora conversa con catro mulleres sobre as súas identidades incertas : o que é ser migrante sen o ser, e ser luxemburguesa sen o ser. Unha viaxe por memorias en tempos de chuvia. Unha procura por identidades sempre fragmentadas. A xornada remata co coloquio coa directora conducido por José Gabriel Andrade e Alberto Paz.  

 O programa é o resultado da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega; a Universidade do Minho a través da Vice-Reitoria da Cultura e Sociedade; o Centro de Estudos Galegos (CEG);o Camões – Instituto da Cooperação e da Língua; a Universidade Federal de Salvador de Bahia; e, nesta edición, coa Cámara municipal de Valença e o Concello de Tui.  

O ciclo  

 O ciclo Mulleres, Patrimonios, Sociedade pretende abordar a través dos diferentes formatos audiovisuais como as mulleres non son recoñecidas ou mesmo foron invisibilizadas nos procesos de creación e de recreación do patrimonio cultural; ao tempo que valorizar ben o papel que xogaron nestes procesos. Ademais, tamén pretende ser un espazo para promover o intercambio cultural entre Galicia e os territorios da lusofonía.  

 Esta proposta arrincou en Braga en maio de 2018, cun programa centrado no cinema galego e a fronteira; un ano máis tarde tivo lugar a segunda edición. Desta volta foi en Vigo e estaba focalizado na situación da muller e a relación coa sociedade.  Arcos de Valdevez (Portugal) acolleu a terceira en outubro de 2021 cun programa que pretendía amosar o papel das mulleres nas crises, o patrimonio como instrumento de cohesión social e o contexto da solidariedade e a fraternidade. A cuarta edición foi en Verín en 2022 centrada no mundo da morte, mentres que a quinta tivo lugar en Guimarães, en novembro de 2023, e abordaba as paisaxes femininas.  

Programa 

Xoves 26 de setembro.  

 21.30 h Inauguración do Ciclo de Cinema coa presidenta do CCG, representante da Universidade do Minho, representante do Concello de Tui, coordinación do Ciclo de Cinema  

 22.00 h  Elas também estiveram là, de Joana Craveiro. Portugal I Doc 1 2021 1 105'  

Coloquio ao finalizar co coronel Mário Tomé, Capitán do 25 de Abril. Conducen Encarna Otero e Alexandra Esteves.  

Venres 27 de setembro.  

 22.00 h Xornada de curtas  Pescadoras em Rede: As Mulheres de Gamboa de Baixo, de Lucas Ribeiro e Luísa Caria. Brasil I Doc 12022 114'  

Luzía, de Marta Oliveira Pinto. Portugal I Exp. 1 2024 1 4'32"  

lmersao, de Maria Inés de Sá. Portugal I Exp. 1 2024 1 6'38"  

Na pel da memoria, de Coral e Laura Piñeiro. Galicia I Doc 1 2022 1 14' VOG  

12 de maio de 1937, de Mar Caldas. Galicia I Doc 1 2023 1 27'41" VOSG  

Coloquio coas directoras. Conducen Sara Traba e Ana Estévez.  

Sábado 28 de setembro.  

 22.00 h As Melusinas a Margem do Rio, de Melanie Pereira. Portugal I Doc 1 2023 1 82' 

Coloquio coa directora. Conducen Zé Gabriel e Alberto Paz. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario