16 de set. de 2024

TUI

A Xunta de Galicia iniciará mañá traballos de renovación da capa de rodaxe na A-55 en Tui, que farán necesarios desvíos de tráfico 

 Os traballos levaranse a cabo mañá e o mércores, entre as 8 e as 18 horas, e o tráfico desviarase polos ramais da conexión da autovía Tui-A Guarda entre os enlaces coa A-55 e de Areas, construída recentemente  

 O obxectivo é acondicionar o firme neste treito da A-55, que é de titularidade estatal e que se afectou coa execución do enlace da autovía Tui-A Guarda  

 Tamén están comezando as obras de mellora no treito da N-551 nesta contorna, que vai ser transferido á Xunta, pasando a integrarse na estrada autonómica PO-552  

 Estas intervencións enmárcanse nun contrato máis amplo, cun investimento de 1M€, co que a Xunta está a acondicionar as vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui  


A Xunta iniciará mañá traballos de renovación da capa de rodaxe na A-55 en Tui, que farán necesarios desvíos de tráfico
Foto: Arquivo X. G.

Infogauda / Tui 

 A Xunta iniciará mañá traballos de renovación da capa de rodaxe na A-55 en Tui, que farán necesarios desvíos de tráfico. 

 Os traballos levaranse a cabo mañá e o mércores, entre as 08:00  e as 18:00 horas, e tamén se poderían prolongar ata o xoves se é necesario. 

 Para poder traballar na calzada, o tráfico será desviado estes días polos ramais do enlace de conexión da autovía Tui-A Guarda entre os enlaces coa autovía A-55 e de Areas, construído recentemente. 

 Trátase do acondicionamento do firme neste treito da A-55, que é de titularidade estatal e que se afectou coa execución do enlace da autovía Tui-A Guarda. No marco destas últimas obras, xa se repuxera o firme afectado, pero agora esténdese o ámbito da renovación da capa de rodaxe na A-55 a toda a lonxitude, entre os ramais de enlace executados. 

 O obxectivo destes traballos é acadar unha maior homoxeneidade nas características do firme e, polo tanto, contribuír á maior comodidade dos usuarios da autovía. 

 Cómpre lembrar que a Xunta tamén está comezando as obras de mellora da seguridade e accesibilidade no treito da N-551, que está en trámites de ser transferido ao Goberno galego, pasando a integrarse na estrada autonómica PO-552. 

 Estas intervencións enmárcanse nun contrato máis amplo, cun investimento de 1M€, co que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a acondicionar as vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario