12 de set. de 2024

TOMIÑO

A Escola de Teatro de Tomiño sube o pano para o curso 2024/2025   

 As clases comezarán o vindeiro 1 de outubro. As persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición a través da web do Concello 

 



Infogauda / Tomiño 

 Escenario preparado para que a Escola de Teatro de Tomiño levanta un ano máis o pano. A escola municipal regresa para o curso 2024/2025 cunha nova formación impartida por Tamara Campos, da compañía Migallas Teatro, para achegar á veciñanza ao mundo da interpretación, estimulando a imaxinación e a creatividade da infancia participante, fomentando o traballo colaborativo e mellorando os recursos expresivos e as súas habilidades comunicativas. 

 As clases, que comezarán o vindeiro 1 de outubro no auditorio de Goián, mergullarán aos nenos e nenas participantes no mundo teatral. Nas aulas, eminentemente prácticas, estudaranse e traballaranse aspectos básicos da creación escénica, expresión dramática e oral, improvisación, movemento expresivo, ritmo e creación de personaxes. Ao final de curso, o alumnado representará as pezas teatrais nas que irán traballando ao longo de todo o ano.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinala que “o teatro é unha ferramenta moi valiosa para o desenvolvemento persoal da nosa mocidade, xa que lles axuda a gañar confianza en si mesmos, a mellorar a súa comunicación e a traballar en equipo. Para o Concello é moi importante poder ofrecer este tipo de actividades, accesibles e abertas a todo o mundo”. 

 As clases impartiranse todos os martes pola tarde en diferentes horarios dependendo dos grupos de idade. O grupo de 4 a 8 anos, que xa está completo, terá clase de 17.30 a 18.45 horas, mentres que o de rapazas e rapaces de 8 a 12 anos será de 16.00 a 17.15 horas. Os tomiñeses e tomiñesas maiores de 13 anos terán a súa cita co teatro de 19.00 a 20.30 h. 

 As persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición nos diferentes grupos da Escola de Teatro a través da web do Concello.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario