18 de set. de 2024

REDONDELA

Redondela, epicentro da cuarta edición do Foro da Muller Rural Galega de EuRural  

 Ao abeiro do Día Internacional das Mulleres Rurais, o 18 de outubro celebrarase un encontro de redes no que as 15 protagonistas compartirán a súa experiencia rompendo barreiras no rural 


Representantes de diferentes concellos integrados na Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural
Foto: EuRural
 

Infogauda / Redondela

 EuRural dá de novo o protagonismo que merecen ás mulleres rurais, mulleres que representan a todas aquelas que rompen barreiras e todos os teitos posibles para facer do rural un lugar máis igualitario. A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural conmemora un ano máis o Día Internacional das Mulleres Rurais, co seu Foro da Muller Rural Galega, unha iniciativa que chega á súa cuarta edición dando voz a todas as mulleres que apostaron por formar parte do rural traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o territorio.  

 Como explica a presidenta de EuRural, Sandra González, con esta iniciativa búscase “recoñecer o traballo destas mulleres excepcionais que coas súas historias son un exemplo de esforzo, resiliencia e liderazgo. Estamos ante unha oportunidade única de visibilizar o seu labor, que seguro inspirará a futuras xeracións. Seguiremos traballando para apoiar e promover o papel crucial das mulleres no desenvolvemento do rural e fortalecer a colaboración entre elas, dando paso de seguro a novas iniciativas no noso territorio”. 

 A Casona da Torre, de Redondela, será o escenario no que o vindeiro mes de outubro se darán cita as 15 protagonistas deste ano, 15 mulleres que compartirán experiencias visibilizando a súa realidade liderando proxectos, emprendendo ou poñéndose ao fronte e abrindo camiño para as máis novas en sectores tradicionalmente máis masculinizados. Como novidade, este ano o Concello de Soutomaior, que xa forma parte do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, incorpórase tamén a esta iniciativa, que na súa cuarta edición ten un marcado sabor a mar.  

 Para a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “é un verdadeiro orgullo acoller esta cuarta edición que nos permitirá resaltar o valor e a dedicación das mulleres do noso dos 14 concellos do territorio que están a deixar unha pegada inesquecible no rural. 

 Este ano a presenza de mulleres do mar de Redondela engade un significado especial ao foro para nós, xa que nos permite dar visibilidade ás historias de esforzo e superación de mulleres que traballan día a día para enriquecer as nosas vilas e preservar as nosas tradicións”.   

 O vindeiro 18 de outubro as mulleres protagonistas reuniranse nun encontro de redes que comezará ás 18.00 horas coa inauguración oficial. Tras a apertura do acto, chegará a quenda de compartir experiencias e visibilizar realidades coas intervencións das 14 protagonistas deste ano e a proxección de pequenas pezas audiovisuais para coñecelas un pouco máis. 

 Nesta edición, as mulleres que participarán son: 

- María del Carmen Martínez, do comercio María Rosa (A Guarda). 

- Loreto Valenzuela, de Academia Royal Celtic Bay (Baiona).

- Purita Caeiro, de Ultramarinos Caeiro (Gondomar). 

- Lucrecia María García, de Kiriko Aventura (Fornelos de Montes). 

- Lara Pereira, da tenda de hípica Equipemos (Mos). 

- Puri, peixeira de Nigrán. 

- Cristina Cisne, do Albergue da Estrela, en Oia. 

- Celia Diz, da Farmacia Peralba no Porriño. 

- Liliana Vázquez, do restaurante brasería ‘La Renovadora’ (Pazos de Borbén). 

- Nisi Otero, mariscadora de Redondela. 

- Silvia Diego, condutora de autobús do Rosal. 

- Carmen Álvarez, precursora da vida cultural e asociativa en Soutomaior. 

- María Gela, mestra no CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño. 

- Luz Ruibal, xerente da Eléctrica de Tui.  

 Tras este momento de encontro, procederase á lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de recoñecemento á muller homenaxeada nesta edición, que será veciña de Redondela.  

 As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa a través dun formulario habilitado na páxina web de EuRural, onde se poderá atopar tamén máis información sobre esta xornada e sobre as edicións anteriores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario