Nova APP
A Subdelegación do Goberno informa sobre o lanzamento por parte do MITECO dunha aplicación para ver en tempo real o índice de calidade do aire
• A pesar do fume procedente dos incendios forestais de Portugal, a calidade do aire na provincia foi esta mañá “razoablemente boa”
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informou hoxe de que Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), coa colaboración do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, puxo ao dispor do público unha nova aplicación para dispositivos móbiles que permite a visualización, en tempo real, do Índice Nacional de Calidade do Aire (ICA) que marcan as distintas estacións de medición da rede nacional de vixilancia.
Esta nova app para móbiles permite consultar a información sobre a calidade de aire, ata o de agora só dispoñible na web, dunha forma amigable. Unha das principais vantaxes da nova app é a disposición dun mapa interactivo onde acceder non só aos datos a tempo real, senón aos datos previstos a futuro cunha anticipación de dous días e tamén aos datos modelizados cando non se dispoña de medicións.
Na nova aplicación, o índice previsto calcúlase e visualiza para as estacións onde se miden polo menos os tres contaminantes con maior impacto no ICA: ozono, dióxido de nitróxeno e algunha das partículas en suspensión (PM10 ou PM2,5).
Calidade “razoablemente boa”
Así, esta mañá podía comprobarse como a calidade do aire na provincia era “boa” en dúas estacións e “razoablemente boa” nas seis restantes, a pesar dos índices de nitróxeno que se levaron desde a madrugada por mor do fume procedente dos incendios forestais de Portugal.
O ICA inclúe ademais recomendacións sanitarias para a poboación xeral e a poboación sensible, e permite coñecer a evolución do estado da calidade do aire nos últimos meses.
A ferramenta pódese descargar a través das tendas de aplicacións comúns para Android e iOS. Con iso, o MITECO avanza no seu compromiso de informar e concienciar dunha forma aínda máis accesible á sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario