5 de set. de 2024

OIA

Anxo M. Lorenzo destaca a importancia de poñer en valor o patrimonio cultural a través de iniciativas como o ciclo de música antiga do Mosteiro de Oia 

O director xeral de Cultura participou na presentación de ‘Un camiño ben temperado’, a terceira edición desta actividade que comeza este venres



Infogauda / Oia

 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da III edición do ciclo de Música Antiga de Oia Un camiño ben temperado, onde salientou a importancia de poñer en valor o patrimonio a través de iniciativas que permiten gozar dos ben culturais dun xeito sostible e responsable.  

 Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que a Xunta de Galicia ten actualmente en marcha a campaña Que siga contando a nosa historia coa que se busca fomentar a sensibilización cidadá sobre a importancia do coidado do patrimonio. “Os galegos temos a responsabilidade compartida de coidar dun dos maiores tesouros que conforman a identidade de Galicia e é unha honra facelo a través de iniciativas como esta que ademais facilitan o seu uso e goce por parte da cidadanía”, sinalou Anxo M. Lorenzo.  

 De feito, o Mosteiro de Santa María de Oia, no que se leva a cabo este ciclo, é un dos bens seleccionados na campaña da Xunta de Galicia xunto coa Catedral de Santa María de Tui, en Pontevedra; o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón (A Coruña); o santuario das Ermidas no Bolo (Ourense), a Cova Eirós, en Triacastela (Lugo) e o campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes (A Coruña).  

Actividades de venres a domingo 

 Un camiño ben temperado compendiará de venres a domingo diversas actividades entorno á música antiga como os concertos, cursos de interpretación, un taller de danza e varias visitas guiadas ao templo. O atrio da igrexa parroquial do Mosteiro de Oia acollerá as actuacións de Ensemble Allenttamento, Entrebescant, Pilar Almalé, Catro Quince, Music for a while e a clausura do certame correrá a cargo da sección de corda da Orquesta Clásica de Vigo, I Colori dell’Armonia, que este ano celebran o seu 40 aniversario como entidade artística. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario