12 de set. de 2024

O ROSAL

Mareas de Coñecemento no Rosal para entender os impostos   

 O Concello vai acoller un novo seminario deste programa da Universidade de Vigo que busca levar o saber á poboación de máis de 50 anos do rural   




Infogauda / O Rosal 

 O Rosal estrea curso lectivo cunha nova sesión das Mareas de Coñecemento, un proxecto da Universidade de Vigo que busca achegar o saber científico, artístico e tecnolóxico á poboación maior de 50 anos do rural. A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello, permitirá a veciñanza rosaleira formarse en diferentes temas de actualidade e que nesta ocasión afondará sobre cuestións relativas á fiscalidade.

 “A educación e o coñecemento non teñen idades nin fronteiras. Esta iniciativa, que sempre ten un grande éxito no Rosal, está a estender a docencia e a divulgación máis alá dos campus universitarios, ofrecendo ferramentas fundamentais para mellorar a calidade de vida da nosa xente maior”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora subliñou a importancia destas accións que buscan facer fronte aos retos de envellecemento poboacional a través da formación, da actividade e da aprendizaxe continua. 

 Nesta ocasión, O Rosal acollerá o seminario ‘Como entender os impostos’, impartido polo profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e de Turismo da Universidade de Vigo Alberto Vaquero. Durante dúas sesións teórico-prácticas e cun total de seis horas de duración, as e os participantes aprenderán a xestionar fiscalmente a renda e o patrimonio, planificar investimentos ou entender a fiscalidade das herdanzas e coñecer os tributos locais, entre outros aspectos. As clases impartiranse os mércores 18 e 25 de setembro ás 16.45 horas no salón de plenos do Concello. 

 As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou inscribirse chamando ao Concello do Rosal ao teléfono 986 62 50 00 ou visitando a web do Programa de Maiores da Universidade de Vigo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario