2 de set. de 2024

O ROSAL

O Rosal fomenta a escritura en galego co seu primeiro Concurso de Relato Curto   

 Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo Concello en colaboración coa Xunta dirixida a persoas de todas as idades que aposta pola creatividade e a cultura local 

 

Alejandro González Martínez, concelleiro de Xuventude, na presentación do I Concurso de Relato Curto

Foto: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 O Rosal aposta pola literatura galega. O Concello, en colaboración coa Xunta de Galicia, acaba de anunciar o lanzamento do I Concurso de Relato Curto, unha proposta que busca transformar a creatividade en galego nunha actividade lúdica e enriquecedora para toda a veciñanza. Esta primeira edición busca non só dinamizar o uso da lingua galega, senón tamén fomentar a participación literaria, especialmente entre a mocidade, fortalecendo o eido cultural do municipio.   

 Como sinala o concelleiro de Xuventude, Alejandro González Martínez, “con este concurso queremos crear un espazo onde a lingua galega sexa a protagonista, onde recoñecer a creatividade da veciñanza e no que todas as persoas poidan expresarse libremente, sen importar a súa idade”.  

 O concurso está aberto a todas as persoas non profesionais e estará dividido en tres categorías: infantil, ata 11 anos; xuvenil, de 12 a 17 anos; e adulta, de 18 anos en diante. A temática desta primeira edición será libre garantindo o anonimato das e dos autores, aínda que o xurado poderá desbotar calquera relato que considere non apropiado para o certame.  

 As bases do concurso recollen premios para as tres primeiras persoas seleccionadas en cada categoría, así como un diploma para todas e todos os participantes e unha copia dun pequeno recompilatorio que se fará cos relatos seleccionados. Entre os galardóns, haberá por cada categoría un libro electrónico Kindle para os primeiros e segundos premios e un lote de libros para cada un das ou dos tres finalistas. 

 As persoas interesadas en participar poderán presentar xa os seus relatos de forma presencial no Rexistro do Concello de 09.00 a 14.00 horas seguindo as indicacións das bases ou a través do formulario habilitado na páxina web municipal, información á que non terá acceso os membros do xurado para garantir o anonimato de todas as persoas participantes. A data límite de presentación será o venres 1 de novembro de forma presencial ou o sábado 2 a través do formulario web.  

 Na avaliación das propostas terase en conta a calidade da redacción, a capacidade de comunicación, a orixinalidade e complexidade do relato e os recursos literarios utilizados. O concelleiro de Xuventude anima a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar neste concurso, unha oportunidade única para que a creatividade en galego brille con luz propia no Rosal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario