10 de set. de 2024

GALICIA

DÍA MUNDIAL PARA A PREVENCIÓN DO SUICIDIO 

Saúde Mental FEAFES Galicia pon o foco sobre a relevancia da problemática do suicidio na nosa comunidade  

Segundo datos do IMELGA, no 2022 faleceron 340 persoas por suicidio en Galicia, unha cifra que segue a situar ao suicidio como un problema sanitario e social de considerable relevancia na nosa comunidade.  

 

O programa “Conecta coa vida”, financiado pola Consellería de Sanidade e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia, busca ofrecer información e asesoramento 
Foto: Cedida

Ana Escrigas Rodríguez /  Santiago de Compostela 

 O 10 de setembro conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, sendo este, segundo a OMS, un dos problemas máis graves de saúde pública que debe ser atendido de forma prioritaria. 

 Por iso, Saúde Mental FEAFES Galicia quere reivindicar unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos, sendo preciso traballar na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como nunha visibilización axeitada e responsable desta realidade. 

 No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade. En Galicia, no ano 2022, morreron por esta causa 340 persoas (235 homes fronte a 105 mulleres) , cunha taxa de 12,28 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,79% nacional e o 11,93% europeo. A nosa comunidade ocupa o segundo lugar na taxa de suicidios en España tras Asturias, e o quinto en cifras absolutas tras Andalucía, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Madrid. 

 No 2022 houbo en Galicia 9 suicidios máis que no ano anterior, case triplicando as mortes por accidente de tráfico, que se sitúan en 123. En termos absolutos, A Coruña é a provincia que máis suicidios rexistra (155), seguida de Pontevedra (92), Lugo (52) e Ourense (32). En termos relativos, na cabeza atópase Lugo (15,95 suicidios por cada 100.000 habitantes), seguido de A Coruña (13,07), Ourense (10,48) e Pontevedra (10,47) 1.  

Un programa para conectar coa vida 

 O programa “Conecta coa vida”, financiado pola Consellería de Sanidade e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia, busca ofrecer información e asesoramento sobre o suicidio a toda a poboación, partindo da base de que o silencio que rodea ao suicidio produce un aumento do estigma, a desinformación, a incomprensión e dificulta o acceso ás medidas de prevención. 

 O obxectivo deste programa é realizar accións de sensibilización, prevención, detección precoz, coordinación e intervención dende unha perspectiva integral para previr e atender a conduta suicida, así como realizar accións de postvención en superviventes. Deste xeito, presta especial atención aos colectivos vulnerables ou ás persoas con maior risco de desenvolver unha ideación suicida, especialmente mulleres en situación de violencia, persoas con discapacidade, persoas cun diagnóstico de saúde mental e persoas en risco de exclusión. 

 No 2023, no marco do programa “Conecta coa vida”, Saúde Mental FEAFES Galicia recibiu 103 consultas sobre suicidio, prestando atención a 68 persoas en risco e a 40 familiares. Para dar resposta ás súas situacións, a federación coordinouse con outras 25 entidades e recursos sociais, impartindo ademais formación e sensibilización sobre o suicidio a 2.131 persoas en centros educativos e a 444 profesionais de dispositivos sociosanitarios.  

Un vídeo e unha web para achegarse ao suicidio 

 Entre os seus materiais de sensibilización sobre o suicidio, Saúde Mental FEAFES Galicia conta co vídeo #ConectaCoaVida que pretende romper o tabú que existe arredor desta realidade. Nel, tres persoas establecen unha interlocución con alguén que ten unha ideación suicida, trasladándolle mensaxes de apoio, comprensión e validación, animando así a falar do suicidio dun xeito responsable e a pedir axuda cando sexa preciso. O vídeo pódese ver na canle de YouTube e nas distintas redes sociais de Saúde Mental FEAFES Galicia.  

 Por outra banda, a web conectacoavida.org é un espazo que aporta información sobre o suicidio e facilita consellos para a súa abordaxe: datos, factores de risco e de protección, sinais de alerta, ideas erróneas, o papel dos medios de comunicación, que podes facer ti, recursos de utilidade, etc. Con esta ferramenta preténdese sensibilizar acerca do suicidio e favorecer así a súa prevención.   

Saúde Mental FEAFES Galicia 

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 que ten como misión representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e persoas achegadas. De carácter social, Saúde Mental FEAFES Galicia trata de adoptar medidas que contribúan á mellora da calidade de vida destas persoas. O seu ámbito de actuación abrangue todo o territorio autonómico, agrupando actualmente a 12 asociacións que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario