A Xunta de Galicia resolve o certame 'Lingua de namorar 2024' que promove mensaxes de amor en galego entre a mocidade
• Na categoría de 14 a 19 anos, foron recoñecidos a coruñesa Abril Viqueira Pose; a baionesa Luna García Guimeráns; e o vigués Alejandro Alonso Lago
• Na categoría de 20 a 35 anos, as distincións recaeron en Elvira Nercellas, de Vigo; Andrea López Otero, de Pantón, e Clara Pérez Martínez da Bola
• Na modalidade de Instagram, que abrangue dos 14 aos 35 anos, a mensaxe mellor valorada polos usuarios da rede social foi a de Blanca Domínguez Groba, de Ponteareas
Infogauda / Santiago de Compostela
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participaron esta mañá no acto de entrega dos premios aos gañadores da décima terceira edición de Lingua de namorar, o certame en liña impulsado pola Xunta que promove a creación de mensaxes de amor en galego entre a mocidade.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deulles os parabéns ás gañadoras e aos gañadores e animounos a seguir empregando a nosa lingua “en todas as facianas e ámbitos da súa vida, tamén nas redes sociais”. Precisamente, lembroulles que a Xunta de Galicia está a traballar, xunto con outras entidades galegas, no Proxecto Nós, “destinado a pór en marcha de ferramentas que nos permitan interactuar coa tecnoloxía en galego ao mesmo nivel que nas linguas do mundo con maior número de falantes”, precisou.
Pola súa parte, a directora xeral de Xuventude destacou que esta nova edición de Lingua de namorar pon de manifesto, unha vez máis, “o talento e creatividade da mocidade de Galicia”. “Un enxeño que manifestan cada vez que teñen a ocasión de facelo, como no caso doutro certame impulsado pola Xunta como é Xuventude Crea, cuxo prazo de presentación de solicitudes para edición deste ano ábrese mañá mesmo”, apuntou.
No acto de entrega, que tivo lugar como de costume do Pazo de San Roque, tamén estiveron presentes membros do xurado do certame. Ademais, os gañadores, que puideron recitar os seus poemas aos asistentes, estiveron arroupados polos seus familiares e amigos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario