5 de set. de 2024

CULTURA

A Xunta de Galicia impulsa o I Premio Xosé Neira Vilas de literatura xuvenil 

O secretario xeral da Lingua presentou o certame co presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo, e co director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo 

Valentín García defende a posta en marcha deste certame en homenaxe ao autor de ‘Memorias dun neno labrego’, o libro en galego máis traducido e editado


O secretario xeral da Lingua, Valentín García, xunto co presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo, e o director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, foron os encargados de anunciar a convocatoria deste certame

Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela 

 O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe en Santiago a convocatoria do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, organizado pola Fundación Neira Vilas e a Editorial Galaxia co apoio da Xunta de Galicia. Trátase dun certame cuxo obxectivo é renderlle homenaxe ao precursor do xénero de literatura infantil e xuvenil en galego. 

 No acto, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, xunto co presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo, e o director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, foron os encargados de anunciar a convocatoria deste certame, dotado con 6.000 €, e cuxa recepción de obras estará aberta desde hoxe e ata o 3 de novembro. 

 O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude defendeu a posta en marcha dun certame da categoría de infantil e xuvenil en memoria do escritor Xosé Neira Vilas, ao que erixiu como “pioneiro” deste xéreno en galego coa obra “que a día de hoxe sería considerada todo un betseller”, apuntou en referencia a Memorias dun neno labrego. Este libro saíu do prelo da editorial Follas Novas de Bos Aires en xaneiro de 1961 e tense convertido na publicación en galego máis traducida e editada. 

 Precisamente, o secretario xeral da Lingua salientou a vixencia desta publicación que segue presente nas escolas e centros de ensino e entre os centos de lectores que, aínda hoxe, segue colleitando en todo o mundo. Neste senso, referiuse ás súas 35 edicións e aos máis de 700.000 exemplares, así como as traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, ucraíno, búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso e tamén conta con edición en Braille, o que o converte no libro escrito en galego máis traducido e editado.

Requisitos 

 Poderán concorrer a este certame as autoras e autores que presenten os orixinais escritos en lingua galega de obras de creación literaria adscritas ao xénero de novela e dirixidas ao lectorado xuvenilDeberán enviarse á sede administrativa da Editorial Galaxia e a obra gañadora será publicada na súa colección Costa Oeste. As bases poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario