O Parque de Bombeiros de Coruxo permaneceu pechado desde o 1 ao 5 de agosto
• En xullo chegou a estar pechado 14 días
• A CIG advirte da gravidade da situación e denuncia que se pon en perigo á cidadanía
Infogauda / Vigo
“A falta de persoal e o desinterese do Concello de Vigo seguen provocando una situación crítica no parque de bombeiros de Coruxo. O deterioro do servizo chegou ao punto de provocar que permanecera pechado desde o pasado día 1 de agosto, ás 22:00 horas, até o día 5, ás 22:00 horas, logo de estar pechado no mes de xullo 14 días”, afirman desde a CIG.
A representación da CIG denuncia que o Goberno municipal, e nomeadamente o seu alcalde á cabeza, Abel Caballero, “pasará a historia pola dubidosa honra de ter o parque de Coruxo cinco días consecutivos pechado cada vez máis tempo pola falta de bombeiros” e por incumprir de forma sistemática os mínimos aprobados pola propia Corporación para a prestación do servizo.
Por iso, reclama do concello que asuma a súa responsabilidade e que o seu alcalde resolva o problema de persoal do SPEIS de VIGO dunha vez por todas, no canto de “centrar todo o seu tempo en eventos de proxección mediática”. Neste sentido, advirte da “gravidade da situación, que non só pon en risco a seguridade da cidadanía, senón tamén a dos propios integrantes do servizo”.
Estes peches, que se repiten una e outra vez, provocan que se amplíen os tempos de resposta ante calquera incidencia, tanto na zona de influencia das instalacións como en toda a cidade. Alén disto, alertan de que a redución do número de efectivos imposibilita atender diferentes sinistros, “sobre todo dentro dun posíbel contexto de simultaneidade”.
Por iso, a CIG censura o desidia do Goberno municipal “que non está a abordar coa dilixencia necesaria a precaria situación na que se atopa o servizo de extinción de incendios”. E lembra que as bases da oferta de emprego dos anos 2020, 2021 e 2022 continúan á espera de seren publicadas, “e tampouco se sabe nada da data das oposicións”.
Diante disto, demandan que dunha vez por todas o Goberno municipal se centre en resolver, á maior brevidade posíbel, un gravísimo problema que se repite de forma reiterada e que compromete a seguridade da cidadanía e dos/as profesionais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario