6 de ago. de 2024

MOS

Infraestruturas  

Abel Losada subliña en Mos o compromiso do Goberno coa conservación e mellora das estradas de titularidade estatal na provincia  

O subdelegado supervisa a execución dos traballos de acondicionamento da A-55, da A-52 e da circunvalación de Vigo VG-20   

A intervención acométese no marco dun contrato de emerxencia de 6 millóns de euros  

Calcúlase que no termo municipal de Mos se estenderon aproximadamente ao redor de 5.000 Toneladas de firme novo, por un importe aproximado de 1 millón de euros  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, supervisou esta mañá en Mos as actuacións de pavimentación que o Goberno de España, a través do Ministerio de Transportes, desenvolve na A-55, no tramo Vigo-Porriño
Foto: S.de G.

Infogauda / Mos 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, supervisou esta mañá en Mos as actuacións de pavimentación que o Goberno de España, a través do Ministerio de Transportes, desenvolve na A-55, no tramo Vigo-Porriño. Na visita, que realizou acompañado do xefe provincial de Estradas, Pablo Domínguez, Losada subliñou que estas obras poñen de relevo o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa conservación e mellora das estradas de titularidade estatal da provincia de Pontevedra.  

 A intervención acométese no marco dun contrato de emerxencia de 6 millóns de euros que, amais da pavimentación da A-55, inclúe o acondicionamento da A-52 (autovía á do, meseta) e da circunvalación de Vigo VG-20. Con todo, o subdelegado informou de que se priorizou especialmente o tramo de Mos polas malas condicións nas que se atopaba. Os asfaltados neste municipio rematarán de cara o 10 de agosto. A continuación executaranse os tramos restantes da A-55 en Vigo e O Porriño. 

 Calcúlase que no termo municipal de Mos se estenderon aproximadamente ao redor de 5.000 Toneladas de firme novo, por un importe aproximado de 1 millón de euros, o que suporía máis do 40% do total da emerxencia declarada para a A-55 e VG-20 (é dicir, exceptuando o previsto para a A-52, que é o viario de maior lonxitude).  

 Losada lembrou que os asfaltados están a realizarse en horario nocturno para non prexudicar á circulación rodada nunha vía con moito tráfico e, máis aínda, coincidindo nun período no que hai moita circulación vacacional accedendo a Vigo e a toda a provincia, dado que esta vía é un dos principais accesos a todo o territorio provincial desde a Meseta. 

 Doutro lado, o subdelegado tamén anunciou que o Goberno, tal e como lles explicou recentemente ás asociacións veciñais de Mos, está a traballar nun proxecto para a colocación de pantallas acústicas que minimicen o problema do ruído xerado polo tráfico nesta zona. 

 “Por tanto - indicou - o Goberno de España cumpre co mantemento das estradas nacionais, que quedaron moi afectadas tras os temporais dos dous últimos anos”. Ao mesmo tempo, remarcou que os danos que afloraron tras estes temporais son o produto “da absoluta falta de mantemento” durante o período de Goberno de Mariano Rajoy, cando o investimento estatal en conservación caeu ao mínimo histórico de 750 millóns anuais, é dicir, menos da metade do que se está investindo na actualidade. Así que, daqueles recortes estas fochancas”, insistiu. 

 O subdelegado fixo fincapé en que a vontade do actual Executivo é recuperar os investimentos regulares anuais en mantemento, procedendo a asfaltados por tramos en toda a rede nacional de estradas para completar a recuperación de toda a rede e garantir a súa adecuada conservación, tanto no presente como no futuro inmediato. 

 Finalmente, o subdelegado, “ante certas informacións confusas” recalcou que “boa parte dos viarios adxacentes á autovía A-55 son de titularidade municipal, polo que non cabe esixirlle á Demarcación de Estradas do Estado ningunha actuación relativa á súa conservación ou mellora”. De feito, tal e como recoñeceu a alcaldesa, Nidia Arévalo, nunha recente visita á Subdelegación do Goberno, é o Concello quen sinaliza os sentidos de circulación e executa estruturas peonís nestas estradas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario