O Consorcio de Augas do Louro consigue 4,7 millóns de euros para mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga
Estrutúrase en 62 actuacións que abordan desde elaboración de plans de emerxencia ata a mellora da ciberseguridade e comunicación cos cidadáns
Infogauda / Tui
O Consorcio de Augas do Louro, do que forman parte os Concellos de Tui, O Porriño, Mos, e Salceda de Caselas, dá un impulso definitivo á modernización e dixitalización das súas infraestruturas. O presidente do Consorcio, Alejandro Lorenzo, informou hoxe de que o proxecto presentado pola entidade supramunicipal recibirá 4.719.912,04 euros ao abeiro do PERTE para a dixitalización e modernización do ciclo da auga dos fondos europeos Next Generation UE, de acordo coa resolución provisional publicada polo MITECO. A proposta do Consorcio foi a mellor puntuada de Galicia e tamén se posicionou entre as mellores a nacional, obtendo un respaldo económico que permitirá realizar importantes melloras.
“Este investimento danos a oportunidade de optimizar a xestión dos nosos recursos e infraestruturas e, polo tanto, ofrecer un mellor servizo á cidadanía que o noso principal obxectivo”, explicou Lorenzo, reiterando o seu compromiso coa modernización dos servizos públicos e a sustentabilidade para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Esta achega permitirá ao Consorcio de Augas do Louro dotarse de instrumentos de planificación, completar o rexistro de volumes captados, protexer as masas de auga receptoras de alivios, optimizar e reducir os consumos enerxéticos e incrementar a produción de enerxía para autoconsumo co obxectivo de garantir a sustentabilidade a largo prazo e ofrecer servizos de calidade á poboación, nun contexto de dispersión poboacional moi marcado que dificulta enormemente a xestión destes servizos.
62 actuacións que posicionarán ao Consorcio de Augas do Louro como un referente
O “Proxecto para a mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga no Consorcio de Augas do Louro” , que se executará ata o 2026, estrutúrase en 62 actuacións que abordan desde elaboración de plans de emerxencia e diagnóstico ata a mellora da ciberseguridade.
A planificación, elaboración de proxectos e estratexia ten un especial peso, con actuacións como a revisión do Plan de Emerxencia por Seca, a elaboración de plans integrais de xestión dos sistemas de saneamento -cuestión prioritaria para a entidade-, o estudo de infiltracións e entrada de pluviais nas redes de saneamento e os estudios integrais dos sistemas de abastecemento nos catro concellos consorciados.
O proxecto enfócase tamén na mellora da eficiencia técnica e dixitalización, con actuacións de mellora e monitorización das infraestruturas de captación de auga -tanto superficiais como subterráneas- que abastecen aos concellos dotando as captacións e depósitos de sondas. Esta monitorización incluiría tamén a rede de colectores e arquetas para detectar e evitar posibles verteduras. Este sistema rexistrará e almacenará todos os datos no centro de control SCADA da EDAR de Guillarei, permitindo supervisar e controlar o funcionamento de instalacións remotas.
Tamén se implementarán accións para a mellora da eficiencia enerxética que inclúen a instalación de placas solares nas ETAPs de Os Valos e Tui e unha nova caldeira na EDAR de Guillarei. Ademais proxéctase instalar unha turbina de auga bruta na ETAP dos Valos.
Desde o punto de vista da transparencia, gobernanza e concienciación, este proxecto pode supoñer un impulso para potenciar a creación deste tipo de consorcios nos concellos pequenos, entendendo que que é o camiño máis sostible e racional para a xestión e uso deste recurso. “Posiciónanos como un referente no uso e xestión deste recurso”, continuou Lorenzo, “O Consorcio de augas do louro pode ser un espello no que os pequenos concellos poidan mirarse e converterse nun exemplo de eficiencia e gobernanza”. Para iso, actualizarase a páxina web incorporando máis información para a cidadanía como as analíticas de auga potable, residual, caudais, consumos enerxéticos, etc.; e levaranse a cabo campañas de sensibilización e comunicación. Melloraranse os sistemas de información e ferramentas dixitais en xeral e implementaranse as accións de ciberseguridade necesarias. “Contar con esta achega é unha gran nova para os catro concellos que conformamos o Consorcio, xa que repercutirá directamente nunha mellora da calidade de vida dos nosos veciños”, concluíu Lorenzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario