29 de ago. de 2024

O ROSAL

O Rosal únese a Caminha e A Guarda na IV Feira do Libro Luso Galaico da Ribeira do Miño   

A Eurocidade da Foz do Miño impulsa unha celebración cultural transfronteiriza única, promovendo a riqueza literaria da rexión  




Infogauda / O Rosal 

 A futura Eurocidade da Foz do Miño camiña no seu compromiso para ter unha axenda cultural e de lecer compartida. O Rosal súmase este ano por primeira vez á Feira do Libro Luso Galaico da Ribeira do Miño, unha cita cultural que celebra a súa cuarta edición estendendo as súas actividades polos tres municipios coa presenza de autores locais e obras que reflicten os estreitos lazos nesta rexión transfronteiriza. Colaboran tamén na organización desta feira o Jornal Caminha 2000 e as freguesías de Caminha Matriz e Vilarelho.   

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, mostrou o seu entusiasmo por formar parte desta iniciativa, un evento que “representa unha oportunidade única para seguir fortalecendo a unión cultural entre os nosos pobos e poñer en valor a nosa literatura, que é un reflexo da nosa identidade compartida”. A rexedora destacou ademais a importancia da colaboración entre os tres concellos, xa que “demostra o noso compromiso común por seguir camiñando xuntos traspasando as fronteiras e xerando novas oportunidades de intercambio”.  

 A feira inaugurarase este venres 30 de agosto, ás 19.00 h (hora galega) en Caminha e contará con diversas actividades nos tres concellos participantes. No Rosal, a feira celebrarase este 30 e 31 de agosto nos soportais do Concello en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas.  

 Nela as persoas asistentes poderán descubrir unha ampla selección de libros, non só dos tres concellos organizadores, senón tamén doutras localidades colaboradoras, como Melgaço, Monção, Viana do Castelo, Tomiño, As Neves ou Salceda de Caselas.  

 Con esta participación, o Concello reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e co fortalecemento das relacións transfronteirizas nun evento que promete converterse nun referente cultural do sur da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal.  

Nova relacionada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario