29 de ago. de 2024

VILADESUSO (OIA)

O Rei Sol volve a Viladesuso 

Na fin de semana do 7 e 8 de setembro




Patricia Muñoz Raña /  Viladesuso

 A Asociación de Veciños de Viladesuso e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso organizan na fin de semana do 7 e 8 de setembro O Rei Sol. Un evento cultural e divulgativo centrado na promoción do patrimonio, a tradición e a etnografía da nosa contorna. 

 Na edición deste ano amplíase a súa programación a dous días, con actividades lúdico-culturais dirixidas a todos os públicos. Tamén serán dúas as localizacións principais do evento, o recinto do Cabezo e o castro do Cano dos Mouros. 

 O sábado as actividades terán lugar na área de lecer do Cabezo (ao carón da estrada PO-552). A partir das 18.00 desenvolveranse diversas competicións de xogos tradicionais. As inscricións faranse no propio día e haberá agasallos para os mellores en cada unha das categorías. Ademais, haberá comida e bebida a prezos populares e o grupo local Tra-lo Mosteiro amenizará a xornada coa súa música.  

 O domingo pola mañá (9.30h) haberá unha andaina participativa arredor do patrimonio e memoria local de Viladesuso, a cal sairá desde o Eirado cara ás Sobreiras do Faro, o Cano dos Mouros e a Silla do Rei Sol. Farase un itinerario circular de 6,5km e dificultade moderada, pasando polos barrios do Sobral e Serraseca. Nas diferentes paradas do percorrido as persoas participantes terán oportunidade de deixar por escrito as súas achegas persoais relativas aos lugares, memorias, vivencias ou impresións que lles inspire cada emprazamento. 

 As propostas lúdicas e culturais do Rei Sol continuarán pola tarde, a partir das 18.00h no castro do Cano dos Mouros. Alí, o arqueólogo Carlos Otero fará unha visita guiada para explicar os resultados da última intervención desenvolvida neste xacemento polo equipo do Incipit-CSIC. A continuación desenvolverase a obra “Seca”, a cargo de Teatro do Ar, e, como colofón da xornada festiva, haberá unha actuación da formación vocal Os Remexidos. 

RESUMO DO PROGRAMA E LOCALIZACIÓN DAS ACTIVIDADES  

Sábado 7 de setembro   

A partir das 18.00h na área de lecer do Cabezo (localización)

- Xogos tradicionais (diferentes categorías. Inscricións no mesmo día).  

- Actuación musical do grupo Tra-lo Mosteiro. 

-Comida e bebida a prezos populares.  

Domingo 8 de setembro 

- 9.30h no Eirado de Viladesuso (localización). 

 Saída da andaina participativa circular pola aldea e o monte de Viladesuso, pasando polo Sobral, as Sobreiras do Faro, o Cano dos Mouros, a Silla do Rei Sol e Serraseca. 

- A partir das 18.00 no castro do Cano dos Mouros (localización).

Visita guiada ao castro a cargo do arqueólogo Carlos Otero (Incipit-CSIC). 

Representación da obra “Seca”, de Teatro do Ar. 

Actuación musical dos Remexidos.        

Ningún comentario:

Publicar un comentario