28 de ago. de 2024

O ROSAL

O Rosal ofrece unha oportunidade de emprendemento nos muíños do Folón e do Picón  

O Concello saca a licitación o quiosco permanente da área de recepción, situado nunha contorna natural de gran valor patrimonial  


O Concello vén de sacar a licitación o quiosco permanente situado na área de recepción dos muíños do Folón e do Picón

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Historia e natureza danse a man no Rosal, tamén para ofrecer unha oportunidade de emprendemento no municipio. O Concello vén de sacar a licitación o quiosco permanente situado na área de recepción dos muíños do Folón e do Picón, un espazo que destaca non só polo seu valor patrimonial, senón tamén pola súa gran contorna natural.  

 Con esta iniciativa, o Goberno municipal busca continuar dotando de servizos a esta área, complementando o desfrute tanto de visitantes como da propia veciñanza. Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “a posta en valor dos muíños é unha prioridade e coa licitación da explotación deste quiosco non só buscamos ofrecer un servizo de calidade, senón tamén seguir promovendo o noso patrimonio como motor de desenvolvemento local. Este é un espazo privilexiado e estamos seguras e seguros de que vai ser unha oportunidade moi atractiva para calquera que desexe emprender”. 

 A licitación inclúe a explotación e mantemento do propio quiosco, así como dos aseos públicos e da pérgola que conforma a terraza, un espazo que permite a perfecta integración entre o quiosco e a contorna natural. A persoa concesionaria terá a posibilidade de ofrecer bebidas e comidas lixeiras ou refrixerios e poderá adaptar as instalacións a propostas complementarias previa solicitude e aprobación do Concello.  

 A concesión terá unha duración de catro anos con posibilidade de prórroga por outros catro anos máis, cun canon anual de saída de 1.038,39 euros que pode ser mellorado á alza polas persoas licitadoras. As e os interesados poderán presentar as súas propostas ata as 14.00 horas do vindeiro 10 de setembro no Rexistro Xeral do Concello, ben de forma presencial ou por correo certificado.  

 O Concello convida a todas as persoas e entidades interesadas a participar nesta licitación e formar parte dun proxecto que combina patrimonio e natureza con oportunidades de negocio.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario