7 de ago. de 2024

A GUARDA

O tren turístico da Guarda víu para converterse nun habitual do verán   

 Este recurso turístico conecta o porto pesqueiro co Monte Santa Trega, facilitando o desfrute aos seus usuarios


O alcalde e membros do Goberno municipal, coa técnica de turismo do Concello de A Guarda; membros da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos; e persoal do tren turístico, na presentación deste servizo

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda  

 Na mañá de onte, martes día 6 de agosto, no Centro Cultural, tivo lugar á presentación do tren turístico de A Guarda. Un recurso que vén para facilitar aos seus potenciais usuarios, o desfrute de dous dos lugares máis emblemáticos da nosa localidade e por conseguinte, para dinamizar o sector servicios na nosa localidade

 “A primeira fin de semana de xullo comezou a funcionar o tren turístico coincidindo coa Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira. Durante ese mes foi modificando a ruta e realizando saídas para atopar a mellor maneira de que os usuarios desfruten da nova experiencia de visitar A Guarda, lembran desde o Goberno municipal. 

 O tren permite contemplar a paisaxe e o patrimonio da Guarda dunha maneira única, incluíndo as vistas desde o Monte Santa Trega ata o pintoresco porto guardés. A súa duración aproximada é de 1 hora e 15 minutos.  

Horarios do tren turístico de A Guarda

 As saídas realízanse na rúa Rosalía de Castro, en horario de mañá (10:30, 11:45 e 13:00 horas) e en horario de tarde (16:15, 17:45 e 19:15), mais realizarán sempre unha parada previa, uns 15 minutos antes, no porto de A Guarda, para recoller aos usuarios que queiran subir ata o Monte Santa Trega.  

 Xa na cima dese privilexiado enclave, o tren realiza unha parada duns 10 minutos para que os pasaxeiros/as admiren as vistas, fagan fotos ou visiten o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT). Mais tamén poden quedar no Monte Santa Trega para desfrutar del, devagar, e baixar noutra das viaxes do tren.   

 O tren comezará a baixada do Monte Santa Trega ás 11:00, 12:15 e 13:30 horas, e tamén ás 17:00, 18:30 e 20:00 horas. 

 Alí mesmo, nesa incomparable atalaia, un matrimonio de Barcelona contou que eles subían e baixaban diariamente no tren, xa que estaban aloxados no hotel Alda Santa Trega.  

Prezos

 O prezo para os adultos é de 6€, mentres que residentes guardeses e nenos/as de 6 a 14 anos pagarán un importe reducido de 3€. O prezo inclúe tamén a taxa de acceso ao monte e a visita ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT), ademais do propio paseo en tren.    

 Dese xeito, o tren turístico conecta dous dos emblemas da Guarda: porto pesqueiro e Monte Santa Trega, dun xeito único. 

   Para máis información, existen dous números de teléfono e de WhatsApp: 628 689 689 e 654 11 43 18.

Ningún comentario:

Publicar un comentario