A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o observatorio de aves da Xunqueira (Salcidos), no municipio da Guarda
• A Xunta de Galicia investirá preto de 200.000 € para mellorar os valores paisaxísticos e a resiliencia ante o cambio climático do estuario do río Miño
• As obras comezarán este outono e enmárcanse no proxecto europeo Green Gap, que lidera Galicia, para o impulso das infraestruturas verdes no espazo transfronteirizo
Infogauda / A Guarda
A Xunta de Galicia investirá preto de 200.000 euros na execución dun conxunto de actuacións, entre este ano e o que vén, co obxectivo común de mellorar os valores diferenciais e a resiliencia ante o cambio climático da paisaxe transfronteiriza do estuario do Miño-Santa Tegra.
Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao observatorio de aves da Xunqueira, que precisamente será rehabilitado así como a pasarela que lle dá acceso no marco das obras proxectadas na contorna do corredor ecolóxico do río Miño.
Cun prazo de execución de 14 meses, as actuacións sobre o terreo comezarán este outono, previsiblemente no mes de outubro, e enmárcanse no proxecto europeo Green Gap, unha iniciativa liderada por Galicia a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET) e na que colaboran un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para impulsar as infraestruturas verdes dentro do espazo transfronteirizo.
Entre as actuacións previstas, que beneficiarán tamén aos concellos de Tomiño e O Rosal, a responsable autonómica destacou a recuperación do observatorio ornitolóxico da Pasaxe (Camposancos), localizado na Guarda e que neste caso suporá unha reconstrución integral.
Ademais, explicou que se levarán a cabo labores de roza e eliminación de especies alóctonas nos tres municipios (como a acacia ou a herba da pampa); se mellorará a cartelería e a sinalización para optimizar a información aos visitantes; se recuperarán peches e outros elementos protectores sobre hábitats sensibles; e se retirarán elementos abandonados ou árbores mortas.
Acompañada polo director do IET, Enrique de Salvador, a conselleira aproveitou a visita á zona para subliñar a importancia de apostar pola implantación e o desenvolvemento na Eurorrexión de proxectos de infraestrutura verde, xa que contribúen a crear unha rede de espazos e elementos que melloren a resistencia fronte ao cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien á vez ás poboacións veciñas.
Este é o obxectivo principal co que Galicia e o Norte de Portugal comezaron a traballar da man o ano pasado a través do Green Gap, cun orzamento de 2,1 millóns de euros financiados a través do programa europeo Interreg España-Portugal 2021-2027.
De feito, as actuacións presentadas esta mañá para a zona do Baixo Miño corresponden ao primeiro dos sete proxectos piloto que se executarán no marco desta iniciativa transfronteiriza, tres dos cales se desenvolverán en territorio galego, sendo os outros dous un proxecto de restauración ambiental no entorno do embalse das Conchas, en Muíños, e outro destinado á creación de bandas de vexetación autóctona de masas forestais continuas en montes veciñais de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario