10 de xul. de 2024

TOMIÑO

Maxia de cerca nos comercios de Tomiño 

Este venres 12, primeira cita na contorna do Seixo




Gonzalo Lomba* / Tomiño 

 Os venres 12 e 19 de xullo, os magos Samuel Moreno, Wocky e Xulio Merino percorrerán as rúas comerciais do centro de Tomiño para ofrecer aos clientes dos negocios locais os seus espectáculos de Maxia de cerca.  

 Esta modalidade é un tipo de maxia de curta distancia onde o número de público é reducido e os xogos de maxia son interactivos ata certo punto. Así, os clientes de comercios, perruquerías e hostelería da contorna do Seixo poderán desfrutar deste espectáculo único que terá lugar nas terrazas, nas portas dos negocios e tamén no seu interior desde as 19:00 horas. 

 Con esta proposta, a Asociación de Comerciantes de Tomiño, ADETO, busca poñer en valor o Centro Comercial Aberto de Tomiño e anima aos clientes a que se acheguen aos seus negocios de confianza aproveitando tamén as numerosas ofertas que ofrecen estes días así como a campaña Pasaporte, que pon en xogo 500 € en premios.  

 Esta iniciativa, impulsada por ADETO co apoio do Concello de Tomiño, conta co financiamento da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra a través do seu programa Culturea. 

* Xerente de ADETO.

Ningún comentario:

Publicar un comentario