30 de xul. de 2024

REDONDELA

A Deputación de Pontevedra esgota as prazas para desfrutar na Illa de San Simón do programa “Aquí faltan páxinas” que afonda na historia das madriñas de Redondela 

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro este xoves 1 de agosto, ás 17:00 horas, e José Antonio Martínez, presidente do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, e familiares das protagonistas serán os encargados de recuperar a súa memoria




Infogauda / Redondela

 As madriñas de Redondela, que foron a esperanza dos presos da Illa de San Simón durante a guerra civil e os primeiros anos da ditadura franquista, serán as protagonistas este xoves 1 de agosto na propia illa redondelá dunha nova entrega do programa da Deputación de Pontevedra “Aquí faltan páxinas”, para o que xa están todas as prazas esgotadas. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro ás 17:00 horas e José Antonio Martínez Fernández, presidente do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, e familiares das madriñas serán os encargados de recuperar a memoria destas mulleres.  

 O faladoiro, que se poderá seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, irá acompañado dun pódcast que estará dispoñible nos vindeiros días tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify, e que incluirá testemuños recollidos durante o encontro deste xoves na Illa de San Simón. Nel recordarase a estas mulleres que, entre os anos 1936 e 1943 crearon unha rede de cooperación para axudar aos preto de seis mil homes que estiveron presos na Illa de San Simón e dos que se estima morreron uns 700 de enfermidade e de malnutrición a causa das condicións de vida e dos traballos forzados aos que estaban sometidos. Estas ‘madriñas’, ou ‘lavandeiras’, como eran tamén coñecidas, mesmo sen ter vinculación ningunha cos presos, ofrecéronse a lavarlles a roupa e levarlles comida, mantas, menciñas e, moitas veces, cartas de familiares agochadas entre a roupa. Moitas delas foron castigadas, multadas e represaliadas, mais continuaron loitando desde o cotián contra a barbarie e a inxustiza.  

 A segunda colección do programa “Aquí faltan páxinas”, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano e, amais das madriñas da Illa de Ons, tamén inclúe a historia de mulleres como a as leiteiras de Pontevedra; a investigadora Inmaculada Paz Andrade; a escritora Avelina Valladares; a guerrilleira Placeres Castellanos; a fotógrafa Mary Quintero; a raíña Urraca I de León, “A temeraria”; a artista Mercedes Ruibal; a soprano María Pardo; a política e activista Urania Mella; e a combatente María Araujo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario