12 de xul. de 2024

PONTEVEDRA

Sanidade e Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra colaboran na campaña de información en farmacias sobre prevención e control do mosquito tigre 

As farmacias serán parte dunha rede de alerta temperá que permitirá coñecer os posibles incrementos significativos de picaduras de insectos e avaliar se son debidos ao mosquito tigre  

Difúndense recomendacións para non contribuír á proliferación desta especie, evitar a súa picadura e fomentar o uso da app Mosquito Alert


Aedes albopictus
Foto: Sergas

Infogauda / Pontevedra 

 A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, inicia unha campaña de información en farmacias sobre a prevención e o control do mosquito tigre ou Aedes albopictus. 

 A subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria, Inés Mato Naveira, xunto coa presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz García Iglesias, presentaron no día de hoxe a campaña na sede do Colexio en Pontevedra. 

 Con esta campaña, a Xunta, como xa fixera o ano pasado, volve poñer de manifesto a relevancia da colaboración cidadá para o control deste vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika.  

 Mediante esta iniciativa trasládanse as recomendacións para non contribuír á proliferación do mosquito tigre, evitar a súa picadura e fomentar o uso da app Mosquito Alert, coa que se permite enviar fotografías de mosquitos detectados, posibles lugares de cría e mesmo picaduras de mosquito para que sexan validadas por expertos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), grazas ao convenio subscrito entre a Xunta e as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo. 

 O ano pasado reportouse a presenza do mosquito tigre nos concellos de Moaña, Vigo, Cangas, Redondela e Vilaboa. A vixilancia establecida pola ReGaViVec abarca este ano a máis concellos da contorna co fin de estudar a posible expansión do mesmo. No que vai de ano 2024, unicamente se detectou na aplicación Mosquito Alert en Moaña e en Vigo, mentres que no trampeo da rede só se detectou nas mostras recibidas do concello de Moaña. 

Comité Técnico do Mosquito Tigre 

 Así mesmo, e continuando coas medidas de xestión, este xoves celebrouse o segundo Comité Técnico do Mosquito Tigre de 2024. Nel, os diferentes organismos informaron do estado actual da situación do mosquito Aedes albopictus en Galicia. 

 A esta xuntanza asistiron profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública do ámbito da epidemioloxía e saúde ambiental, investigadores expertos en entomoloxía da USC e UVigo, profesionais da área de Gandaría da Consellería do Medio Rural, representantes de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de Emerxencias 112-Galicia, da área sanitaria de Vigo, da Dirección Territorial de Sanidade de Pontevedra e dos concellos de Moaña e Vigo. 

 Desde o comité volveuse incidir na importancia da concienciación cidadá para a eliminación de focos de cría en recintos particulares e a participación cidadá realizada a través da plataforma Mosquito Alert, coa que colabora a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), integrada polas Consellerías de Sanidade e Medio Rural, ademais das Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo. 

 A próxima reunión do comité será a mediados do mes de agosto, sempre que non sexa necesario que se convoque de forma extraordinaria. 

 Na páxina web do departamento sanitario autonómico facilítase información detallada sobre o mosquito tigre así como os carteis e trípticos da campaña presentada hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario