31 de xul. de 2024

O ROSAL

A praza do Calvario acollerá circo e acrobacias co espectáculo “Jacuzzi”  

Esta obra, da compañía NiMú, chegará ao Rosal, este xoves, ás 20.30 horas,  dentro do programa Tardeos na Praza    


Xandra Gutiérrez demostrará aos asistentes a súa capacidade para desafiar a lei da gravidade camiñando con destreza sobre unha corda frouxa
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 Non fan falta palabras para emocionar, como poderán comprobar á veciñanza rosaleira e visitantes, o vindeiro xoves 1 de agosto, ás 20.30 horas.  

 A compañía Nimú presentará a súa obra “Jacuzzi”, na que a través dunha habilidade exemplar do teatro xestual e da manipulación de obxectos, a circense Xandra Gutiérrez demostrará aos asistentes a súa capacidade para desafiar a lei da gravidade camiñando con destreza sobre unha corda frouxa. 

 Este espectáculo para tódolos públicos, que durará uns 40 minutos, conquistará a pequenos e maiores, transportándoos ao mundo de Nimú nunha combinación perfecta de teatro, corda frouxa e pallasa.  

 A actividade, organizada polo Concello do Rosal, está encadradada dentro do programa “Tardeos na Praza”, no que tamén se inclúen unha proxección de curtametraxes e da película “Barbie” o 22 de agosto e un contacontos a cargo de “Tropa de Trapo” o día 29 do vindeiro mes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario