O Rosal gozará hoxe dunha noite de cine cunha proxección de curtametraxes
Este evento encádrase no programa “Cultura polos barrios”, que levará a cabo actividades de teatro, cine e música ata o 27 de agosto
Infogauda / O Rosal
Noite de cine no Rosal, onde a praza de Fornelos acollerá hoxe unha selección de curtametraxes, quentando motores para a Mostra do Cinema do Rosal.
A veciñanza rosaleira e visitantes que se acheguen a esta actividade terán a oportunidade de gozar dunha proxección ao aire libre e de balde que dará comezo ás 22h, e está organizada polo Concello do Rosal en colaboración da Asociación Ghorghalado.
Esta actividade, que forma parte do programa de “Cultura polos barrios”, comparte cartel con outros eventos que se desenvolverán no mes de agosto. O próximo será o día 5, no que o cine e a música se merturarán na praza do Calán, de San Xián, da man de Caspervek.
A continuación, o 21, a agrupación de música tradicional “Os tres tristes” animará a praza do Maio, de Tabagón co seu repertorio.
E na mesma localización celebrarase dous días despois un concerto doutro rexistro totalmente diferente, pois “Castro y los escoltas” nos amosarán o seu recital de rock.
Xa como colofón deste plan cargado de actividades culturais, rosaleiros e rosaleiras poderán achegarse á Escola de San Miguel o día 27 de agosto para visionar a proxección dunha serie de curtametraxes.
Poñendo fin así a unha programación de verán que ten como obxectivo dinamizar e diversificar a cultura da localidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario