29 de xul. de 2024

O ROSAL

O Rosal puxo fin aos tres días da Festa do Verán O Pilar, cun éxito histórico  

Nesta edición tiveron lugar actividades moi variadas, como a actuación dos Netos do Rosal; o Festival Xente Xida; ou o Encontro dos Pobos, entre outras actividades  


Os Netos do Rosal nun momento da súa actuación na praza da Calvario
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 A praza do Calvario do Rosal descansa despois de tres días de festa continuada. A celebración da Festa do Verán do Pilar, que gozou dun éxito histórico, reuniu múltiples actividades para tódolos gustos, incluída a multitudinaria actuación de humor dos Netos do Rosal. 

 O mércores 24 deu comezo a celebración co xa consolidado Festival Xente Xida, organizado grazas á Asociación O Trebón dos Xidos, que co seu esforzo e dedicación animaron O Rosal cunha cita multitudinaria na que non faltou nin a comida, nin a bebida, nin, por suposto, a boa música, da man nesta ocasión de Airiños do Cereixo, B.G. Paramos, Os Terribles de Donas e os propios Trebón dos Xidos e Xente Xida. 

 A misa cantada pola Coral da Agrupación Musical do Rosal xunto coa banda da mesma foi a encargada de iniciar a programación do día de Galicia, que a localidade celebrou por todo o alto. Xa pola tarde, aos rosaleiros e rosaleiras tocoulles concentrarse e sentarse fronte aos taboleiros para desfrutar do torneo de xadrez, que celebraba a súa V edición. 

 O xogo e a estratexia deron paso a un Encontro dos Pobos no que de novo a música, baile tradicional e a alegría déronse cita na praza do Calvario. Todo isto dentro do marco dunha actividade organizada por Do Lusco ó Fusco, que foron os encargados non só de traer o seu talento dende A Guarda, senón tamén de conseguir que nos acompañasen o Grupo Penaguda, de Meaño, e o Ensemble Dido, chegados dende Serbia para participar nesta actividade do máis internacional. 

 Xa pechando a programación do 25 de xullo, a veciñanza rosaleira e visitantes foron testemuñas dunha actuación histórica: o concerto conxunto das Fillas de Cassandra coa Banda do Rosal. Unha xuntanza que representa un punto de inflexión non só na música rosaleira, senón tamén na galega, ao tratarse da primeira vez que se fusionan as cancións deste dúo cun ámbito e cun percorrido histórico tan amplo en Galicia como é o das bandas de música. Polo que as persoas asistentes desfrutaron deste concerto máxico nunha praza do Calvario máis abarrotada ca nunca. 

 E remataron as festas o venres cun público do máis animado e multitudinario que se achegou a ver a actuación dos Netos do Rosal, que co seu humor están a recoller grandes éxitos participando na TVG. 

 E como colofón final, o pica  discos Cristian Pereyra foi o encargado de animar esa última noite na que reinaron o bo ambiente e a música, pechando así estas históricas Festas do Verán do Pilar 2024 que non deixaron indiferentes a ninguén coa súa variedade de actividades para tódolos gustos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario