26 de xul. de 2024

O ROSAL

As Fillas de Cassandra e a Banda do Rosal fan historia nunha actuación conxunta na praza do Calvario  

O concerto celebrado onte no Rosal supuxo un punto de inflexión na historia da música galega, ao tratarse da primeira vez na que se fusionaban este dúo e unha banda musical  


Fillas de Cassandra xunto á Banda da Agrupación Musical do Rosal, nun concerto histórico
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 A praza do Calvario do Rosal foi onte testemuña dun acontecemento único. Dende ás 22:00h, as persoas presentes, que abarrotaron ese espazo, puideron desfrutar da fusión das Fillas de Cassandra xunto á Banda da Agrupación Musical do Rosal, nun concerto histórico. 

 A praza do Calvario encheuse de asistentes que decidiron vivir este máxico 25 de xullo, nunha cita que marca un punto de inflexión non só na historia da música rosaleira, senón tamén na galega.  

 Esta xuntanza supuxo a fusión de dous ámbitos moi relevantes da nosa historia musical. Por un lado, un grupo de grandísimo impacto na actualidade como As Fillas de Cassandra, que cas súas cancións permiten que a música transcenda máis alá, conseguindo que moita mocidade cante a diario as súas letras en galego. E por outro, un sector tan importante para Galicia como son as bandas de música cas súas escolas de formación e estudo musical. 

 As persoas que asistiron onte á praza do Calvario foron testemuñas dun encontro máxico, onde se repasou o repertorio do dúo grazas ao inmenso traballo que fixeron ambas partes, coordinadas polo director da banda Javier Alonso Pérez e Andrés Álvarez, compositor encargado dos arranxos. 

 Ademais, grazas a este acontecemento, a Agrupación Musical do Rosal  non só viviu un soño cumprido, senón que tamén recibiu un recoñecemento aos seus trinta e oito anos de traxectoria.  

 E, tal e como destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “esta xuntanza serviu tamén para conmemorar outro soño cumprido, o da consecución para este ano da posta en marcha do Conservatorio Profesional de Música.” 

 Sen dúbida, un acontecemento musical que a veciñanza rosaleira non esquecerá, marcando este 25 de xullo no calendario como unha data especial para a localidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario